Novos achados deixan no ar as obras de Lipromo na Coruña

As catas solicitadas polo Concello da Coruña sobre unha das parcelas que a empresa Lipromo ten na Maestranza descobren restos do baluarte de San Vicente. Segundo a lexislación estarían protexidas como acontece con toda a muralla defensiva que se conserva na cidade.
Acto de protesta de Defesa do Común  diante as parcelas da empresa Lipromo en 2021. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de protesta de Defesa do Común diante as parcelas da empresa Lipromo en 2021. (Foto: Nós Diario)

O terreos da Maestranza, na Coruña, continúan a demostrar o seu alto valor arqueolóxico. Adquiridos no seu momento pola empresa Lipromo ao Ministerio de Defensa coa intención de desenvolver un proxecto inmobiliario, veñen de descubrir que conteñen os restos do camiño cuberto do baluarte de San Vicente.

O achado produciuse após unhas catas solicitadas polo Concello da Coruña nunha das dúas parcelas da empresa vasca, a denominada número 1, e de ser confirmado por Patrimonio da Xunta da Galiza estarían protexidas, ao igual que toda a muralla defensiva da cidade. Nese caso a inmobiliaria non podería, como figura no seu proxecto, construír 100 vivendas, por volta de 56 na segunda parcela.

Para Manuel Monge, da Comisión Aberta en Defensa do Común, esta descuberta “non fai máis que confirmar unha cata anterior na que tamén se atoparon restos”. Explica a Nós Diario que a intención da empresa é “construír tamén na parcela 2 que ten menos extensión” e que conta coa aprobación inicial da Xunta de Goberno Local da Coruña, se ben aínda non se levou a Pleno. Neste caso, asegura Monge, “nós xa presentamos alegacións”.

Alegacións de Defensa do Común

Este mesmo mes, Defensa do Común presentou alegacións contra o estudo de detalle para a construción de dous edificios nos antigos terreos do Ministerio de Defensa na Maestranza. A principal alegación que fan é que o estudo de detalle non cumpre os acordos da corporación municipal da Coruña e do Congreso das Deputadas e dos Deputados, ademais de non ter en conta os antecedentes históricos.

Lembran que en 2016 aprobouse sen ningún voto en contra unha moción que pedía ao Ministerio a devolución dos terreos do Campo da Estrada. Tamén en 2018 instouse a que o Ministerio de Defensa mantivese unha reunión co Concello.

A conclusión que saca Defensa do Común é que “o Ministerio de Defensa segue a facer caixa a costa da Coruña” e lembra que “xa venderon moitas propiedades en poxa no lugar de devolvelas á Coruña”. Segundo as súas contas, “o Ministerio de Defensa ingresou máis de 48 millóns de euros e agora seguen coa mesma política”. Pon como exemplo que o Ministerio conta con outras posesións que tenta vender. “Hai unha parcela na rúa Adelaida Muro que reclamamos con varias concentracións para que se constrúa alí un Centro Cívico e seguen tentando conseguir comprador”, apunta Monge.

Ademais, exixen a devolución doutra parcela “diante do Centro Comercial Marineda, onde estaba o vello parque de automóbiles, que conta cun edificio abandonado que pensamos que se podería aproveitar como equipamento público previa devolución ao Concello da Coruña”. Desde esta Plataforma afirman que non deixarán de oporse a esas vendas. “Xa o fixemos no seu momento co vello hospital militar na zona do Parrote e con mobilización conseguimos que se integrara no Sergas e é un hospital público”, lembra Monge.

Comentarios