"Illas de Sal" é a canción escollida por Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre como segundo single, videoclip incluído, do seu último álbum, As Catedrais Silenciadas (2020).
A peza está protagonizada por Sofía Souto Carballido, unha nena bailadora que danza en comuñón coa impresionante paisaxe da Costa da Morte. Nela poden verse espazos emblemáticos como o Monte Pindo ou A Boca do Río (Carnota).
A peza é unha xota que ten a súa orixe nun tema recollido na zona de Corcubión polo etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax. Inspirándose na melodía, Díaz creou un coro e, ademais, o texto, agás algunhas liñas que son tradicionais.
O corte presentado leva a imaxes, en palabras do propio músico, o “xogo dunha pícara que está, en realidade, bailando co mar”, unha temática mariñeira tamén presente no tema recollido.