Cultura

Música para o confinamento: as 7 cancións de Xabier Díaz, músico

Propoñemos a persoas con diferentes perfís que partillen coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de quedar na casa pola crise do coronavirus. 
Xabier Díaz
photo_camera Xabier Díaz

Ao músico Xabier Díaz a corentena pola crise sanitaria da COVID-19 colleuno cun novo disco baixo o brazo, As Catedrais Silenciadas, o seu terceiro traballo coas Adufeiras de Salitre

Para este primeiro domingo de abril, no que o único plan é seguir na casa por responsabilidade, convidamos a Xabier a compartir unhas cancións que nos leven de viaxe mentalmente acompañadas das súas palabras. Cedo, moi cedo, volverá subirse aos escenarios. 

Hey, ma, de Bon Iver 

"Encántame o universo sobre o que se está expandindo a música deste artista e, tamén, polo interesante vínculo permanente coa súa infancia e coa súa nai", di Xabier. 

Dorian, de Agnes Obel

"Gústame moito a atmósfera sobre a que crea a música e a produción exquisita. Tamén, como con Iver, hai unha conexión coa infancia nesta canción."

Lobofobia, de Lisandro Aristimuño

"Chamoume moito a atención a súa maneira de facer música. Como se a estivera facendo con claves diferentes aos estándares do pop. Sáese, polos laterais, desa autoestrada do mainstream. Tamén me interesa porque fala da súa fobia a vivir nunha gran cidade cando chegou a Bos Aires e que vivía pechado na súa habitación. Él viña da Patagonia, onde se vive en espazos abertos e en aldeas pequenas. Eu comparto un pouco esa fobia ás grandes cidades."

Folon, de Salif Keita

"Paréceme a perfecta banda sonora nunha noite na sabana mirando as estrelas e escoitando a toda a natureza que está soando arredor. É absolutamente onírica."

A Loureana, de Os cempés

"É un tema zanfoñístico de Óscar Fernández que é precioso. Quizáis un deses temas da música popular galega aos que non se lles fixo xustiza a efectos de notoriedade. É un tema moi bonito. De feito, lévoo nunha pequena playlist que lanzamos previamente aos nosos concertos."

Téñolle rabia ao silencio (orixinal de Atahualpa Yupanqui), por Sés

"A escolla vén porque comparto con Sés a querencia pola música de Atahualpa Yupanqui e outros moitos americanos. Ademais, a voz de Sés colle unha dimensión moi impactante, estremecedora e necesaria."

Cedeira, de Guadi Galego

"Paréceme a vangarda da música pop feita en galego. Ten esa coda tremendamente británica que a min me recordou desde un principio a Coldplay. Ese coro épico, para cantar colectivamente, ten un punto moi positivista. É unha desas cancións redondas da música pop. Aínda que non como nativo, comparto o meu amor por Cedeira, porque pasei alí parte da miña infancia."

Para escoitar todas as cancións, aquí a listaxe: 

Comentarios