Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre lanzan 'As catedrais silenciadas',

O seu novo disco consta de 10 cancións inspiradas en lugares de toda Galiza
Xabier & Adufeiras 2
photo_camera Se o coronavirus non o impide, a xira de presentación comezará en Lugo o vindeiro 4 de abril. (Foto: Nós Diario). Imaxe

As Catedrais Silenciadas, o terceiro traballo do músico Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre, sae á venda no día de hoxe. Para o artista, un dos nomes propios da música tradicional galega -ex membro de Berrogüetto e parte do proxecto aCadaCanto, xunto con Gaudi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández-, este novo álbum representa "un berro de alerta ante o progresivo despoboamento do rural galego e a conseguinte perda de identidade". 

Avalado polo éxito de No salón das Cereixas, o tema co que se presentou e que xa leva máis de 150.000 reproducións totais nas diferentes plataformas dixitais, no aspecto musical o disco entrelaza os sons da tradición autóctona galega con elementos doutras latitudes do mundo.

Ademais de No salón das Cereixas, o LP está conformado por dez cancións baseadas nas recollidas de información que se efectuaron en diferentes lugares: Primeiro (Gargamala, Mondariz), Tentenublo (Xirazga, Beariz), As Catedrais Silenciadas (Monzo, Trazo), Amiga Siempre (Sanabria), Botei un ai! (San Salvador de Padreiro, Santa Comba), Unha, dúas, tres e catro (O Pereiro, A Mezquita), Agarrado de Vilar de Cabeiras (Cabeiras, Arbo), Muiñeiras ao puño (Soandres, A Laracha / Razo da Costa, Carballo) e Illas de Sal (Corcubión).

Na variedade está o gusto

Como todos os traballos do coruñés, este álbum actualiza diferentes tipos de formas musicais: hai pasobres como No salón das Cereixas, alalás como o tema que dá título ao disco, agarrados como o de Vilar de Cabeiras, ribeiranas como Tentenublo e até hai espazo para as tradicionais muiñeiras.

En As Catedrais Silenciadas, Xavier Díaz e as Adufeiras de Salitre abordan, ademais, o problema da Galiza baleira e de todo o patrimonio material e inmaterial descoidado, para o que toman influencias musicais e non musicais, entre as que destacan a do poeta Xesús Rábade -que utiliza a ancestral forma da Tríada para expresarse en Twitter- ou a de Carme Toba Trillo, experta que informa sobre toda esa herdanza cultural galega "vencida polo abandono social e institucional". 

Este é o terceiro traballo conxunto de Xavier Díaz coas Adufeiras de Salitre, e nel nótase unha adquirida madurez que, quizais, non estaba nos seus discos anteriores, The Tambourine Man e Noró, a pesar que de que ambos contaron de gran recoñecemento da crítica especializada e do público, cun salientábel éxito de ventas. De feito, o primeiro deles chegou a entrar nos 10 primeiros postos da World Music Charts Europe.

A música de raíz galega, que Díaz atopou nas aldeas durante tantos anos, combínase aquí cos instrumentos da música étnica e a harmonía modal, sobre os que o artista destaca que "esta mestura non sería posíbel sen a participación de Gutier Álvarez e Pedro Pascual", coarranxistas e coproductores do disco. 

Se o coronavirus o permite, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre comezará a partir de abril unha serie de concertos pola Galiza, sendo as primeiras datas Lugo (4 de abril), Vigo (19 de abril) e A Coruña (26 de abril), que logo se estenderá tamén ás localidades de Madrid e Barcelona.

Comentarios