A nova poesía galega entra en Portugal pola Porta XIII

Con Positivas e pola Porta XIII. Así entra en Portugal a nova poesía galega. Seis poetas participarán este sábado día 12 no acto literario que a editorial dirixida por Paco Macías organiza no centro cultural de Vila Nova de Cerveira. 

Porta Treze
photo_camera Porta Treze

Non é a primeira vez que a editorial Positivas desembarca en Vila Nova de Cerveira. A libraría-centro cultural Porta XIII coñece xa a nova literatura galega da man da editorial de Paco Macías, coa que estableceu un diálogo de encontro literario que continúa este día 12 cun acto poético musical. Seis autores estarán presentes nun programa previsto para unha hora non moi habitual par nós, as 16 horas, mais que permitirá unha tarde demorada de literatura e conversa nun espazo no que a literatura e a arte son as protagonistas, coa presenza continuada do extraordinario escritor Luandino Vieira. 

Desta volta, Arsenio Iglesias Pazos con Ático, Eduardo Estévez con Construcións, Raúl Gómez Pato con Choiva vapor e velocidade, Serxio Iglesias con Métodos para afogar un cisne, Roi Vidal con Teatro e Rosalía Fernández Rial con Vinte en escena achegarán á cultural vila que bordea o Miño á outra beira do Concello de Tomiño unha mostra da nova poesía galega. 

Porta XIII, que se presenta como “associaçao poética de todas as artes”, sitúase en pleno centro de Vilanova de Cerveira que cada sábado reborda coa feira semanal que recibe xente de toda a contorna. “Porta Treze, a nossa associação, rigorosamente cultural para fins de solidariedade social, está aberta a todos quantos a queiram e em celebração da poesia da língua portuguesa. Só isto: a poesia – que é a nossa vida; a língua portuguesa – que é a alma que essa vida guarda.” escribe o grande escritor Luandino Vieira arredor da entidade da que é unha das súas trabes. Porta XIII ten como obxectivo em por objectivo “celebrar a Poesia como realização da Arte Literária, sob todas as suas formas e em relação com as outras Artes, através de iniciativas de estudo, formação, produção, edição e divulgação como convívios, oficinas, recitais, exposições, colóquios, seminários, conferências, congressos, festivais ou outro tipo de manifestações que tenham a Poesia como motivo”.  Todo isto, cun anfitrión de excepción, o gran Luandino Vieira, a quen non é difícil ver dentro do local atendendo a quen atravese a Porta XIII na céntrica Rua Queiróz Ribeiro de Vila Nova de Cerveira.

Comentarios