Unha nova ollada sobre Romasanta

'Romasanta, tras os pasos do lobisome' é o volume de Difusora das Letras no que Vítor Nieves achega unha escolma de pescudas realizadas a partir das indagacións do estadounidense Ivort Macsaw. Unha obra que tenta deitar nova luz sobre a historia do 'lobisome' e asasino en serie máis coñecido alén das nosas fronteiras. 
colaxe-web
photo_camera Imaxes de diversas pasaxes e contidos da obra 'Romasanta, tras os pasos do lobisome', de Vítor Nieves e Ivort Macsaw. (Foto: Nós Diario)

"En 2009 unha auténtica revolución mediática ocupou xornais e espazos televisivos cunha noticia que sorprendía o público e crispaba os investigadores patrios: un americano resolvía un dos capítulos máis negros da historia galega. Ivort Macsaw descubría os restos dos corpos das vítimas de Romasanta que permaneceran escondidos durante case dous séculos". Deste modo explica Vítor Nieves a orixe do proxecto editorial que realiza con Difusora das Letras e  do que é coautor, xunto ao estadounidense Ivort Macsaw. 

Romasanta, tras os pasos do lobisome é unha obra literaria e fotográfica que saíu do prelo a finais de 2020 "mais entre o confinamento e demais medidas restritivas nos primeiros meses do ano, non houbo distribución e conseguimos reactivala hai unhas tres semanas", conta para Nós Diario, Víctor Nieves. Trátase dunha libro no que se recolle "unha minuciosa escolma de textos" extraídos dos cadernos de Ivort Macsaw, antropólogo investigador da Lycan Foundation (Michigan, Estados Unidos de América). 

Transcricións de audios, documentos e recortes de prensa súmanse a unha selección de fotografías que, "malia teren sido feitas para o traballo de campo, son aquí presentadas como un fotolibro que, alén de ilustrar o texto, conseguen ter unha narrativa propia", destaca Nieves.

O achado 200 anos despois

A comezos dos anos 2000, Macsaw chega á Galiza na busca de pistas sobre Manuel Blanco Romasanta, e faino financiado pola fundación para a que traballa, a Lycan Foundation de Michigan.

O investigador "sorpréndese do fácil que é chegar a determinadas pistas", conta Nieves, "pese a que xa decorreron dous séculos dos acontecementos". Mais a investigación débese interromper cando queda sen orzamento. 

Así e todo "move fíos na fundación para que volvan habilitar financiamento e realiza a segunda viaxe á Galiza", en 2009, que "é cando está máis tempo e dá con achados máis sorprendentes". E destes achados resulta en 2009 o estoupido, na prensa da Galiza e do Estado español, da descuberta por parte dun estadounidense dos restos óseos das vítimas de Romasanta. 

"Foi entón como cheguei eu ao seu traballo", lembra Vítor Nieves. "A toda a miña xeración ameazábannos co home do unto”, unha figura abstracta como quen di “home do saco”, e logo descobres que non era tan abstracta, neste caso, senón un dubidoso señor que asasinaba  mulleres".

Nese 2009, Nieves entra en contacto coa fundación Lycan e inicia unha pescuda e a escolla dos textos. 

Contra as mulleres

"O que máis me interesaba era a visión dun americano que chega a un sitio para el completamente diferente e que afonda na identidade de xénero bisexual de Romasanta", expón Vítor Nieves. O editor tamén recalca que "cando se fala de Romasanta téndese a dulcificar a historia, pero era un asasino en serie que mataba mulleres".

"Se se soubese iso a conmoción sería enorme, non só na Galiza", porque Nieves reafirma a relevancia de que Manuel Blanco Romasanta "non mataba persoas en abstracto, senón que mataba mulleres coas que tiña relacións".

Nieves lembra que dos nove asasinatos polos que o condenaron "só matou algún home que realmente era fillo dalgunha desas mulleres que mataba". Así, para o investigador, o que fixo Romasanta "seguramente hoxe sería xulgado como violencia machista".

A incógnita do xénero

Manuel Blanco Romasanta (1809-1863)  foi bautizado como Manuela Blanco Romasanta e "sábese e Macsaw afonda niso", apunta Nieves, "que os primeiros anos da súa vida se desenvolveu como meniña".

Deste modo, non foi até a adolescencia, "cando certos trazos masculinos comezan a ser visíbeis", que Romasanta muda "a súa aparencia, a súa forma de estar" para ser Manuel. O coautor de Romasanta, tras os pasos do lobisome tamén lembra que, no final dos seus días, "cando está nas prisións do Castelo de Santo Antón, na Coruña, ou no cárcere de Ceuta, volve un pouco a ese inicio de muller, canto ao xénero, e solicita camisóns", para vestirse na cadea. 

"Estando só ou soa na súa cela volve visibilizar ou externalizar a parte feminina", reflexiona Nieves, que destaca que esta condición "nunca se relacionou con Romasanta, porque tanto nos filmes como nos documentais, píntano como un home rudo, musculoso...".

"Mais os forenses que o analizaron no xuízo din que era unha persoa de metro e medio, moi afeminado e que exerceu profesións que eran e aínda son consideradas de mulleres, como costureiro", remata Vítor Nieves.

Comentarios