Unha nova edición da Festa do Apego con música, teatro, contos, xogos e moito máis

O sábado 23 de decembro, o Auditorio de Galicia acollerá unha nova edición da Festa do Apego, unha feira de contos, música, xogos, información e propostas na que nenas e nenos poderán gozar e socializar en galego durante todo o día. Entre as principais propostas, a mostra de recursos para experimentar, os xogos de Paporrubio e de Brazolinda ou a imprenta tipográfica, así como unha ampla programa de espectáculos musicais e escénicos que pechará co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. 
Marta Besada e a alcaldesa, Goretti Sanmartín.
photo_camera Marta Besada e a alcaldesa, Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)

Este sábado, 23 de decembro, o Auditorio da Galiza acollerá unha nova edición da Festa do Apego, unha feira de contos, música, xogos, información e propostas na que nenas e nenos poderán gozar e socializar en galego durante todo o día.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada de Marta Besada, técnica do Departamento de Lingua, presentou esta cuarta feira a programación da Festa do Apego, que se desenvolverá o sábado 23 entre as 12 e as 20 horas e que inclúe actividades continuadas e simultáneas e propostas relacionadas co xogo, a creatividade manual, a danza e o movemento, a literatura, a música, as artes escénicas e o audiovisual.

Sanmartín fixo un chamamento aos nenos, nenas e ás súas familias a achegarse este sábado ao Auditorio para "socializar, co galego como ferramenta e coa música, os contos, o xogo, a danza, o teatro e a maxia como experiencias enriquecedoras".

Música, teatro e carpa roxa

No apartado de espectáculos escénicos e musicais, o público terá a ocasión de ver Triscus Beliscus, de Rilo e Penadique; o conto Carapuchiña e os cinco lobiños, de Ángeles Goás; o espectáculo Na Casa, de Caramuxo Teatro; un obradoiro de baile tradicional, da man de Artur Puga; a presentación do conto A nena e os tres osos, de Bea Campos; un espectáculo de maxia Degustación de imposibles, de Joshua Kennet; o conto Corochas, de Atenea García; e un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. 

No marco do programa "Compostela, a Estrela do Nadal", o programa Apego tamén ofrecerá varias propostas na praza Roxa. O 21 de decembro ás 17 horas Tarabela Teatro presentará a súa función Sabela e o paxaro máxico, e a continuación o decorrerá un 'obradoiro para fabricar a caixa do mago malvado'.

O 28 de decembro, ás 17 horas, será a quenda do espectáculo Cores, contos e rock’n roll coa Ramona pequena, de Pakolas; e ás 18 horas terá lugar o obradoiro para fabricar o tamboril. 

O programa Apego é un proxecto cooperativo desenvolvido polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago con información e actividades para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia, co obxectivo de crear redes e comunidade de familias con empatía e autoestima arredor da lingua. 

Comentarios