DÍA MUNDIAL DO TEATRO

A nova compañía ilMaquinario Teatro triunfa con “Perplexo” nos Premios María Casares

Mellor espectáculo, dirección, adaptación, iluminación e vestiario. “Perplexo” de ilMaquinario Teatro, fundada hai menos de tres anos, triunfa nos María Casares. A “Ultranoite no País dos Ananos” de Chévere consegue mellor música, actor e texto.

Foto: Corsini
photo_camera Foto: Corsini

Competía con Chévere, a recente gañadora do Premio Nacional de Teatro, mais os actores e as actrices galegos optaron por recoñecer unha compañía nova, creada en 2012 por un grupo de profesionais procedentes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia aínda que algúns dos seus membros tiveran xa experiencia noutras compañías, algunha delas, como Sarabela, que eran tamén finalistas nos premios da AAAG. Tito Asorey (director), Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez (intérpretes) son os membros de ilMaquinario Teatro, a compañía que saíu do teatro Rosalía de Castro da Coruña con cinco xarras dos María Casares, mellor espectáculo, dirección, adaptación, iluminación e vestiario. O nome de Tito Asorey sentiuse en catro deles, como mellor director, como director da compañía e corresponsábel de adaptación e iluminación. 

Chévere co seu aplaudido Ultranoite no País dos Ananos fíxose co premio ao mellor actor secundario, que foi dar en César Goldi, o premio ao texto orixinal para Manuel Cortes e o da música de Xacobe Martínez Antelo. 

Elina Luaces por Meu Ben de Eme2 Producións e Machi Salgado por O Feo de Catro Cadeiras recibiron os premios de interpretación protagonista e Areta Bolado por Pan! Pan! De A Panadería, xunto con Goldi, o de secundaria. 

Máis repartidos estiveron os premios de escenografía, para  Carolo Losada Soto por Kassa, de Elefante Elegante, mellor vestiario para Yaiza Pinillos por Perplexo, de ilMaquinario Teatro, mellor maquillaxe para Raquel Fidalgo por Pequenas certezas, de Sarabela Teatro . 

O premio ao espectáculo Infantil foi para A casa do Avó, a obra na que Tanxarina explica ás crianzas a realidade dos desafiuzamentos. 

Vicente Montoto recolleu o único premio xa coñecido,o Premio de Honra Marisa Soto. 

Un conselleiro que navegaba á contra

“Dende o amor ao teatro defendemos que as condicións do traballo sexan boas, que as emocións non teñan incómodos prescindibles”, dixo Victoria Pérez, vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e encargada de ler o discurso da directiva no decorrer da gala que se desenvolveu no Rosalía de Castro da Coruña no que lembrou que se está a negociar o 2º Convenio de Teatro de Galicia e seguindo de preto a negociación do Convenio do Audiovisual. “Porque queremos facer o noso traballo ben e en boas condicións. Queremos facer bos espectáculos e preséntarllos ao noso público como se merecen. Por iso a importancia do convenio, porque o seu cumprimento leal favorece a todo o mundo: a súa defensa é a defensa do noso traballo”, engadiu nunha intervención na que se defendeu o rexeitamento das ofertas que poñan en cuestión as condicións laborais da profesión: “Dicir NON cando se pretenda que traballemos, non por debaixo do convenio, por debaixo do mínimo. Pódese dicir NON”. 

Reclamouse, nese sentido, un trato “axeitado por parte da TVG” e, nese sentido, solicitouse que a retransmisión da propia gala non fora a “horas somnámbulas porque a facemos para visibilizar o noso oficio como parte esencial da cultura”, afirmaron. “Vimos dunha travesía con moito mar de fondo, cun conselleiro de Cultura e Educación que non só navegou en sentido contrario á cultura, senón que nos condenou á deriva”, recollíase no discurso en referencia a Xesús Vázquez ao tempo que lle reclamaban ao novo conselleiro que “se mergulle na Cultura, que viaxe con nós coa confianza que outorga saber da nosa valía como mariñeiros e mariñeiras experimentadas”. Ao novo pedíronlle que repetira que cre na nosa cultura. 

O escritor Xurxo Borrazás foi encargado de ler o manifesto que a AAAG deu a coñecer xa con anterioridade. 

Comentarios