'Nós Diario' achega 'Eira das mouras', para saber máis sobre a cultura galega

O novo libro acompaña este sábado o xornal e o 'Sermos Galiza'.
O arqueólogo Felipe-Senén López Gómez no castro de San Cibrao de Las (Foto: Laura Barcala).
photo_camera O arqueólogo Felipe-Senén López Gómez no castro de San Cibrao de Las. (Foto: Laura Barcala)

Nós Diario difunde este sábado unha escolla de artigos arredor da cultura galega no libro titulado Eira das mouras. As persoas subscritoras recibirano de agasallo e para o resto de lectoras e lectores terá un prezo de 2 euros máis o prezo do xornal e do Sermos Galiza. O novo libro recompila 19 textos que o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén López Gómez escribiu para o semanario Sermos Galiza entre os anos 2016 e 2019.

En declaracións a Nós Diario, Felipe-Senén insistiu en que a totalidade dos artigos responden a unha mesma finalidade: a sensibilización sobre o patrimonio cultural da Galiza e o seu estado, "en ocasións sometido á aculturación, á degradación por influencias alleas", sinalou.  

Segundo o arqueólogo, os textos preséntanse como unha introdución ao universo da gran riqueza cultural da Galiza, incluíndo desde elementos da prehistoria até o mundo actual, pasando por etapas "moi brillantes" como foi o románico, o barroco ou o modernismo. O autor do libro entende que, "nunha sociedade moi 'macdonalizada', moi globalizada, sometida a novos sistemas de comunicación", elementos significativos da cultura popular galega están dobregados a un fenómeno de distorsión. "Indubidabelmente, esta aculturación é un fenómeno con causa política", indicou. 

Ademais de denunciar a perda de identidade da cultura galega, o arqueólogo insistiu na necesidade de coñecer a identidade propia: "Para defender e querer as cousas hai que coñecelas. O que non se coñece non se defende". 

Neste senso, alén da lingua galega como idioma fundamental da cultura, López Gómez sinalou outros idiomas máis esquecidos e que traballa nos textos recollidos en Eira das mouras: os mundos das formas, do simbolismo, e do realismo máxico que é tan propio da Galiza.

Da Torre de Hércules á maxia e ao misterio

Os artigos recollidos están escritos, en palabras do seu autor, desde unha óptica moi cultural, "con sensibilidade sobre as cuestións, e procurando unha linguaxe sedutora pero, ao mesmo tempo, culta". O volume inclúe historias como a da Torre de Hércules e a súa relación coa cidade portuguesa de Coimbra ou o elemento que une Compostela coa Raíña Lupa, o Pico Sagro. Trata tamén elementos patrimoniais naturais como os bosques que acollen as lendas galegas fronte á recente creación do 'Bosque da Galiza' na contorna da Cidade da Cultura, ou a "encantadora" historia do Monte Pindo. 

Felipe-Senén tamén estudou as festividades e tradicións máis galegas, como son os magostos, o Samaín, o Entroido ou os maios, e as desviacións que sofren hoxe en día estes festexos. Destacan de maneira especial pola súa actualidade as análises que o arqueólogo fai do Nadal: desde os vilancicos ao Belén.

Eira das mouras destaca ademais a maxia na cultura galega: os lugares coñecidos popularmente como malditos; historias de rituais e sacrificios, o símbolo das serpes, ou o descoñecido Libro magno do San Cibrao. As casas pintadas con cal, o pan galego, o ouro galaico, a auga e as gárgolas e María Pita tamén teñen protagonismo neste libro.

Comentarios