A cultura urbana tamén fala galego: "Non facemos hip-hop, somos hip-hop"

A Editorial Galaxia publica o libro 'Somos Hip-Hop', de Pablo Castiñeira e David Brey, en colaboración con outros artistas pertencentes á cultura urbana. O obxectivo, segundo os autores, é plasmar os seus coñecementos e experiencia, e que sirva de referente para a xuventude que se interese por este mundo.
Ilustración de David Brey no libro 'Somos hip-hop'. (Foto: Editorial Galaxia)
photo_camera Ilustración de David Brey no libro 'Somos hip-hop'. (Foto: Editorial Galaxia)

“Nada nos limita. Podemos cantar fóra de ton. Podemos samplear a Tchaikovsky. Podemos falar de cordóns de zapatos se queremos…”. Así comeza o libro Somos Hip-Hop (Galaxia), con estas palabras de Grandmaster Flash, un dos personaxes icónicos da cultura urbana. A cita, sacada do documental Looking For The Perfect Beat, segundo o autor do libro, Pablo Castiñeira, é perfecta para explicar que esta é unha cultura que permite expresarse tanto a nivel persoal como colectivamente, “como nos apeteza e sen censura”, engade. De aí a escolla desas primeiras liñas que xa é toda unha declaración de intencións.

A orixe da cultura urbana

Nas primeiras páxinas do libro hai unha breve cronoloxía que reflicte como a cultura urbana comeza a desenvolverse nos anos 70 nos Estados Unidos, como se abren as portas ao Estado español, en cidades como Madrid ou Barcelona, onde estaban asentados os estadounidenses e contaxiaron o resto do territorio estatal nos anos 80. Á Galiza, explica o autor da obra, chegou moi cedo, tanto a nivel produción, como a nivel de artistas e de proxectos. “Somos unha referencia importante neste mundo”, indica o autor de Somos Hip-Hop. Nomea a discográfica Boa Música, recoñecida a nivel internacional, ou o grupo galego Dios Ke Te Crew, entre outros dos referentes galegos que recolleu na publicación.

Este 2023 fixéronse 50 anos do nacemento desta cultura, tempo en que, afirma Pablo Castiñeira, creceu exponencialmente moi por enriba doutro tipo de culturas, músicas ou artes. Así, na actualidade, a música urbana eríxese como o xénero musical máis consumido, superando incluso o pop, sobre todo entre a mocidade. “Debido á demanda, a nivel do público xeral, deste tipo de contidos, e pola falta de proxectos de calidade, sobre todo do ámbito editorial, decidimos desenvolver este proxecto”, pon de manifesto o autor.

Un sentimento común

"Para nós, non é só un hobby, non facemos hip-hop, nós somos hip-hop", e deste espírito saíu o título do libro, segundo Castiñeira, que se refire á xente que vive esta cultura como un colectivo, coa mesma forma de pensar e actuar, que busca contaxiar esa enerxía e activismo aos demais. Así, alude a que a día de hoxe todo está “moi cuadriculado e definido, cremos que o hip-hop é unha vía de escape, sobre todo para a xente nova que ten tendencia a non querer aceptar as normas”. Neste contexto, Pablo Castiñeira afirma que se precisan espazos e ferramentas para que as persoas adolescentes poidan expresarse libremente a través da pintura, da danza e da música.

Despois de máis dunha década levando o hip hop e a cultura urbana, a agrupación de artistas urbanos Vella Escola, da que Pablo Castiñeira fai parte, traballa as distintas disciplinas do ámbito, alén do hip hop, o break dance, o rap, o graffiti, o turntablism e o beatbox. O libro explica os fundamentos de todas elas. “Queda aí o legado de moitos artistas con información e experiencia que, colaborativamente, abren as súas mans para compartir o seu coñecemento con todo o mundo”, resume Pablo Castiñeira a filosofía deste proxecto. O obxectivo era crear un referente ao que poder acudir para informarse, xa que a nivel da Galiza non había ningún libro de consulta sobre este xénero, didáctico e en galego.

Ánimo divulgativo

Levou catro anos elaborar todos os contidos do libro e un ano e medio ilustralo, porque leva máis de 200 ilustracións. Supuxo uns tempos e recursos económicos que, asegura Pablo Castiñeira, non se recuperan coa venda: "O libro non parte dun punto de vista comercial, senón divulgativo” e busca dar resposta a esa demanda latente que hai hoxe en día por este tipo de contidos, segundo o autor, que estabelece como reto que o libro chegue ás bibliotecas escolares e ás públicas para que poidan desfrutalo non só as persoas amantes dunha cultura urbana que, na Galiza, tamén viste fachadas de edificios de ilustracións coloridas.

O traballo non fica só no propio libro, pois tamén elaboraron unha aplicación propia de realidade aumentada coa que poder escanear algunhas páxinas para ver os titoriais en 3D e así “desfrutar desa experiencia un pouco máis innovadora”.

Comentarios