Contracultura

Lidia L. Chao: "A maioría de persoas falan de rap ou de hip hop pensando só en artistas masculinos"

Lidia L. Chao vén de actuar no espazo emerxente de Ceiba Rimas, un evento de rap improvisado en galego que decorreu na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela, e no cal actuou co seu primeiro tema, 'Prende o lume', dispoñíbel nas principais plataformas dixitais.
A cantante, compositora e profesora de canto Lidia L. Chao. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A cantante, compositora e profesora de canto Lidia L. Chao. (Foto: Nós Diario)

—Que a motivou para participar no espazo de Ceiba Rimas?
O certo é que antes de que me contactaran eu non coñecía o proxecto, porque ademais todo ocorreu dous ou tres días despois de que eu sacara o meu primeiro tema de rap, "Prende o lume", grazas á boa difusión que tivo nas redes sociais. Aínda así, en canto me contaron os obxectivos do proxecto acabei dicindo que si porque me parece algo que encaixa moito co que eu quero facer. Unha das cousas que me gusta é precisamente que teñan este espazo para artistas emerxentes, onde estarei eu e no que participan outras tres persoas máis. É o primeiro ano que o teñen e creo que é moi importante que a xente que estamos comezando poidamos ir facéndonos un oco.

Alén de promover o galego no eido da música urbana, tamén me gustou moito ver que tanto nas persoas convidadas como no xurado hai unha presenza importante de mulleres. De feito, cando contactaron comigo desde a organización foi unha muller. E para min iso é moi importante porque creo que a maioría de persoas falan de rap ou de hip hop pensando só en artistas masculinos.

—Prende o lume é o primeiro tema que publica, mais tamén o primeiro tema de rap que compón.
Formo parte dunha banda, Liskadakí, como cantante e coa que estou nos locais de ensaio do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga (Santiago). Alí, puxeron en marcha un curso de produción musical que nos interesaba a todas como formación, mais tamén a nivel individual, polo que nos inscribimos. Un dos rapaces que daba as clases dedícase a facer música para videoxogos así como bits de rap e un día comentounos que sacara un concurso de rap en redes sociais. Eu xa o vira, pero pensei ‘non fago rap’, así que pasei do tema.

Con todo, o seguinte día que estivemos no curso comentounos que non facía falta que tivésemos experiencia, e isto dalgunha maneira como que me animou a probar. Asemade, o día que escribín a letra estivera cunhas amigas compartindo experiencias de acoso, machismo e demais cousas das que fala o rap, polo que ao chegar a casa foi como unha especie de catarse. Cando vin toda a letra decidín probar a rapeala gravando tamén o vídeo para probar sorte no concurso e ao final acabei gañando. O premio era precisamente producir o tema. 

—Ten pensado continuar por esta liña na súa carreira musical?
Creo que dá igual o que teña en mente porque tampouco tiña planeado facer un rap, nunca se me pasara pola cabeza. Despois desta experiencia estou moito máis aberta a ir facendo o que vaia sentido, cousas que teña ganas de probar aínda que nunca as fixera. De feito, agora mesmo estou compondo outro rap, que tamén é algo que noto moito: a confianza que me deu esta experiencia para saber que son quen de facelo. Tamén quero seguir compondo cancións de cantautora, con guitarra e voz, que é a liña na que eu máis me movo. Con Liskadakí, por exemplo, facemos temas de rock, que era algo que eu tampouco me imaxinaba facendo nunca e aquí estou.

Creo que é cuestión de ir experimentando. Máis a longo prazo, o meu obxectivo é dedicarlle o total do meu tempo á música. Actualmente é unha prioridade, desde logo, mais tamén teño que ter un traballo a media xornada para poder manterme. Co tempo que me queda podo ir a clases no Conservatorio de Música Moderna, ensaiar coa banda, dar clases de iniciación ao canto nunha escola de música e seguir practicando.

En total, diría que 85% do meu día a día está dedicado á música, algo que quería conseguir desde hai tempo. Unha cousa que me gusta moito é investigar e indagar, aprender cousas de maneira autodidacta. De feito, cando comecei a tocar a guitarra foi desta maneira, aínda que agora xa vou a clases. Así, grazas a esa confianza da que falaba, actualmente estou intentando aprender a compor bases de música en xeral, e de rap en concreto.

Comentarios