Unha noite na que a poesía fala/parla en galego e catalán

“Que falen as linguas / Que parlen les llengües” é o título do encontro literario galego-catalán que se desenvolverá esta cuarta feira ás 20.30 no pub Modus Vivendi en Compostela Traducións éditas e inéditas nas dúas linguas de nomes fundamentais da poesía galega e catalá. 

Alicia Fernández no facebook do recital
photo_camera Alicia Fernández (Foto: Eduard Velasco)

Presentado pola poeta Alicia Fernández, o recital “Que falen as linguas/Que parlen les llengües” preséntase como un encontro deseñado desde “a mestizaxe e a transferencia, dirixido a revisitar algúns dos nomes fundamentais da poesía en galego e catalán e ofrecer ao vivo traducións éditas e inéditas a unha e outra linguas”. 

Begonya Pozo, poeta e profesora da Universitat de València, a poeta galega Branca Novoneyra, o tradutor e escritor en galego e catalán, Eduard del Castillo Velasco, o poeta catalán Adriá Targa, a xornalista e dinamizadora cultural Helena Capera e o poeta galego Gonzalo Hermo serán as participantes neste encontro que será clausurado por Abdoulaye Bilal Traoré Fall, poeta e músico senegalés afincado na Galiza. 

O filólogo, tradutor e poeta Eduard Del Castillo achegará ao público a dúas antoloxías da poesía galega en catalán e a “transferencia” das dúas literaturas a través da presenza na outra das linguas será unha das protagonistas da velada. 

Comentarios