luns 21/09/20

Nieves Neira gaña o premio Johán Carballeira de Xornalismo

O xurado recoñeceu a súa reportaxe 'A fotógrafa, revelada'

Xurado Johán Carballeira
Xurado Johán Carballeira

A fotógrafa, revelada é o título da reportaxe coa que Nieves Neira gañou o XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo que convoca o Concello de Bueu.

Os xornais El Progreso e Diario de Pontevedra publicaban o pasado 15 de marzo de 2019 esta peza na que Neira abordaba a vida de Maruja Roca, pioneira da fotografía galega.

O xurado destacou "a presentación do tema desta reportaxe, a súa calidade lingüística, a precisión e o acompañamento das imaxes". O xurado do galardón estivo composto por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Alberte Mera, xornalista do Nós Diario, e Aser Álvarez, gañador da última edición do certame.

O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinatopolos fascistas. Ademais da de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía.

O certame ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey …

comentarios