Nélida Piñón, Ferrín e Rivas conversan no XXV aniversario do Pen Galiza

Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas falarán de literatura o vindeiro 3 de outubro na clausura da VI Bienal Literaria de Compostela. 

Manuel Rivas
photo_camera Manuel Rivas

Durante os 2 e 3 de outubro a Cidade da Cultura de Galiza acollerá a VI Bienal Literaria que celebrará tamén o XXV aniversario do Centro Pen Galiza, dúas xornadas completas nas que participarán diversos escritores e escritoras dos distintos xéneros literarios e que concluirá cunha conversa entre a escritora brasileira Nélida Piñón e os galegos Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas. 

Após a apertura institucional, a Bienal comezará o día 2 ás 13 horas cunha mesa de narradores nas que participarán Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón, moderado por Xesús Fraga. A seguir a poesía e a música serán protagonistas nun recital coa participación de Xardín Desordenado, Elena Zernova, Alba Cid, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Román Raña, Mario Regueira, Dores Tembrás e presentación de Armando Requeixo. A primeira xornada rematará coa conferencia de Roberto Alifano “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan”, presentado por Luís Alonso Girgado. 

A conmemoración dos 25 anos do Pen Galicia centrará a segunda xornada cunha mesa redonda con novelistas na que participarán Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias e moderará Inma López Silva para seguir con outra de poetas coa intervención de  María do Cebreiro,Miguel Anxo Fernán-Vello e Modesto Fraga, moderados por Luciano Rodríguez, antes do “Encontro en Compostela” de Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas. Todas as actividades se desenvolverán nos distintos espazos da Cidade da Cultura. 

Comentarios