A narradora Alice Munro, Premio Nobel de Literatura 2013

A narradora Alice Munro é a nova gañadora do Premio Nobel de Literatura 2013. Natural de Canadá, escritora en inglés, a narradora constrúe un mundo propio que deita, de maneira especial, por medio dos seus relatos. 

Alice Munro
photo_camera Alice Munro

Nacida en Ontario en 1931, desde moi nova Alice Munro comezou a escribir relatos desde moi nova, xénero que presidiría toda a súa carreira literaria. Escritora en inglés, Munro constrúe un mundo propio do que non é alleo a súa propia biografía. 

Autora de libros de relatos e novela, Alice Munro anunciou hai anos a súa retirada da literatura mais, malia iso, a súa obra continuou a medrar con novos títulos. Munro recoñece a forte influencia de autoras como Katherine Anne Porter, Eudora Welty, Flannery O´Connor ou Carson Mc Cullers. 

O nome da autora que sucede ao chino Mo Yan no Nobel de Literatura soara xa en varias ocasións como candidata ao premio da Academia Sueca. 

Polos libros de Alice Munro as mulleres transitan como protagonistas, con historias construídas por elas mesmas e que xiran arredor da súa maneira de se situar no mundo. En "O amor de Uma Boa Mulher" (Relógio d´Água) Munro achéganos á historias que suceden nas localidades de Ontario nas que residiu, protagonizadas por mulleres que buscan a súa liberdade. Mulleres son tamén as primeiras personaxes das vidas narradas que semellan reais de "Fugas" (Relógio d´Água) ou "A Vista de Castle Rock" (Relógio d´Água) unha antoloxía na que o seu ambiente persoal se torna literario. Con "O progreso do Amor", e os recentes "Amada vida" e "Demasiada Felicidade" péchase a conta de libros que a editorial Relógio d´Água ofrece da escritora agora Nobel en portugués. Historias normais de mulleres extraordinarias que, como a propia Munro, ten no cotiá material abondoso para a construción literaria. 

Alice Munro fai a decimoterceira escritora que consigue o Nobel de Literatura dos 110 galardóns outorgados. Ademais da nova premiada, tres autoras foron recoñecidas co premio literario maís agardado do ano neste mesmo milenio, a austríaca Elfried Jelinek, a británica Doris Lessing e a nacida en Rumanía mais escritora en alemán Herta Müller. 

 

Comentarios