O 20 de novembro Nao publica o seu derradeiro disco, que se presentará para fans e medios nun local compostelá: ‘Ata que o lume se apague’. O traballo (13 temas) que vai fechar os 13 anos de historia desta banda presentarase ao vivo o 5 de decembro nun concerto na compostelá sala Capitol.
Para facer máis levadeira a espera dos fans, Nao vén de publicar en aberto e a través das redes sociais dous temas incluídos no seu derradeiro disco: ‘Franco Resurrection’ e ‘Adeus e grazas’.
A respecto de de ‘Franco Resurrection’ eles propios explican no seu FB: “Que escolleramos o 20N para presentar o que será o noso último e derradeiro disco non é unha casualidade. Esta canción adicámoslla con moito amor a toda a piara de nostálxicos, dementes e fascistas. Negacionistas da barbarie aquí vos deixamos a nosa visión da historia, do voso papel e a definición que nos merecedes en forma de canción”.
E no que atinxe a ‘Adeus e grazas’: “Este é o derradeiro corte do disco. Quixemos agradecer o voso compromiso e afecto continuo ó longo destes 13 anos. Aquí vos deixamos a nosa herdanza. Manteñamos a loita viva sempre porque máis cedo que tarde #VenceremosNós Querémosvos. Foi tan especial e marabillosa esta aventura!”.