Contracultura

Nani García: "Virán outras épocas e se o seguimos facendo ben, o audiovisual galego seguirá medrando"

Nani García, compositor, vén de ser galardoado co Premio de Honra Fernando Rey, outorgado anualmente pola Academia Galega do Audiovisual. García aborda a evolución do sector ao longo dos anos e o seu futuro xa que, como el di, “se o seguimos facendo ben, iremos medrando”.
Nani García é o compositor detrás de filmes como 'De profundis' ou 'Engurras' (Foto: Academia Galega do Audiovisual).
photo_camera Nani García é o compositor detrás de filmes como 'De profundis' ou 'Engurras'. (Foto: Academia Galega do Audiovisual)

—Que significou saber que gañara o Premio de Honra Fernando Rey?
Foi unha alegría inmensa porque para min é como un agasallo, unha demostración de agarimo que vén da man das compañeiras e compañeiros de profesión. Que sexa algo así sempre ten outro valor, por iso dá tanta alegría que estimen que o merezo.

—A Academia Galega do Audiovisual salientou as vocacións que alentou coas súas obras. Como ve o panorama actual?
Véxoo conforme avanza o país, supoño que é algo que vai paralelo. Tampouco eu son consciente de provocar tales inspiracións noutra xente. Imaxino que o simple feito de estar aí algo inflúe, porque ti vas facendo o teu traballo e a xente vai vendo e escoitando o que se vai producindo no país.

Para min, a evolución fundamental na que habería que incidir é que mentres a maior parte das persoas da miña xeración que se dedican a estas disciplinas artísticas e culturais tiveron que ser autodidactas, aínda que houbo un pouco de todo, hoxe en día xa non é tan necesario. Os recursos se multiplicaron de maneira que a xente ten máis facilidades para acceder a estas disciplinar. 

Posibelmente haxa que encamiñar un pouco máis, lograr que eses recursos sexan economicamente iguais e que non só favorezan a xente de ben, como din por aí. Non é soamente que o Estado español dera un paso a través da Transición, senón que a nivel mundial tamén apareceron as novas tecnoloxías e iso foi tamén un 
salto impresionante. 

—É un pouco a importancia de ter referentes, non?
Claro, todo incide no mesmo. Agora a xente percibe dalgunha maneira que é máis doado meterse neste tipo de disciplinas artísticas e sobrevivir, algo que nos nosos tempos foi moi difícil. Se temos algún mérito na nosa xeración, ou algunhas persoas en concreto, é que conseguimos sobrevivir vivindo desta profesión nun ecosistema aparentemente tan difícil como é a Galiza. 

Non podemos esquecer que as persoas que facemos música e arte en xeral vivimos na realidade do día a día, que é moi dura e complicada. Algunhas persoas conseguen dirixir os seus pasos e outras non porque se lles complica a vida, por circunstancias alleas. 

Hai quen pensa que neste eido se mide todo polo talento, mais a realidade é que moitas veces é a sorte: circunstancias persoais, familiares, económicas, o contexto que che rodea... É dicir, a dificultade de mudar de piso no ascensor económico social. Todo isto son cousas que inciden no día a día e na propia práctica da arte, por iso non podemos esquecelo. Non podemos falar da práctica laboral das disciplinas artísticas sen ter en conta todos estes elementos porque non é só unha cuestión de estética. 

—Tamén se falou da “idade de ouro” que vive o audiovisual galego. Cre que é así?
Non creo que se poida pór medalla de ouro a ningunha época contemporánea, sempre hai que agardar a que a historia a poña. Isto significaría que xa estamos tocando a cima e iso non o sabemos. 

Estamos nun momento razoabelmente bo, iso é certo, mais habería que ver o que vai vir e saber se iso non é mais que un pequeno pico nun dente de serra na vida. En todo caso, quen o está a facer ben son as e os artistas. 

A título individual algúns máis que outros. Mais é certo que temos esa tendencia a perder a perspectiva, é un camiño moi longo e o máis importante é o que cada xeración viva en cada momento. Non hai que pór o punto final aquí. Virán outras épocas e se o seguimos facendo ben iremos medrando. 

O que si é certo, falando de memoria, é que a Galiza está un pouco por enriba en canto á achega cultural que fai con respecto ao que lle correspondería tendo en conta a porcentaxe de poboación que está no territorio, especialmente en canto ao cine e a música. Habería que comparar con outras zonas do Estado, Euskadi penso que xera algo máis.

Comentarios