mércores 28/10/20
Música

'Naialma', un disco que se gravou dúas veces e lembra cunha nana a Aylan Kurdi

O pianista Alberto Vilas presenta o seu primeiro traballo en solitario
Alberto Vilas (Pancho Leica).
Alberto Vilas (Pancho Leica).

O primeiro disco en solitario do pianista Alberto Vilas constrúese sobre un pouso íntimo e persoal, con temas que foron medrando  ao longo do tempo e que agora saen "como do ventre dunha nai". Esa é a razón de que se titulo Naialma, nun xogo de palabras que engancha coa dedicatoria do LP á súa proxenitora.

Mais se hai un tema que chama poderosamente a atención é "Nana de Aylan". Trátase dunha composición que xorde arredor da historia de Aylan Kurdi, o neno kurdo cuxa desgarradora imaxe, un corpo inerte tendido sobre a area dunha praia turca, se transformou en símbolo desa infancia tronzada por tantas e tantas crianzas que perderon e continúan a perder a vida na via-xe para atravesar ese mar que marca a fronteira da Europa.

De "algo tan tráxico quixen facer un canto á beleza", comenta Vilas. Mais sempre desde a vontade de "facer visíbel o tema das guerra e como estas afectan a infancia".

Aquilo acontecía hai catro ou cinco anos. Pensando niso, como referencia, Vilas decátase do tempo que pasou desde que traballa no disco. Foi un proceso de maduración longo, "compoñendo aínda que con outros proxectos" ao mesmo tempo.

Un intento frustrado

"Gravouse hai dous anos e medio", comenta, pero aquel foi un primeiro intento frustrado. Non estaban satisfeitos co resultado e foron quen de tomar a difícil decisión de "tiralo abaixo". Na volta ao punto de partida, todo este proceso enriquece tamén a composición do pianista. Mudan cousas, até chegar ao coidado resultado final que hoxe podemos atopar en formato libro-disco, unha ducia de pezas que nos trasladan a un universo propio do autor.

Xustamente, a gravación foi un proceso moi importante porque non se concibía o CD como "unha escusa para facer concertos". Importaba o resultado e, tamén, o formato físico. A diferenza do que acontece con boa parte dos traballos actuais, Naialma non pode atoparse en plataformas dixitais.

"O disco é algo que ten unha información, un contexto, e funciona como algo completo, non un tema illado", comenta Vilas

"O disco é algo que ten unha información, un contexto, e funciona como algo completo, non un tema illado", comenta. Neste senso, o dixital implica unha obra totalmente limitada, que non se pode observar nin entender no seu conxunto.

Aliás, Vilas relata que "hai un abuso por parte das plataformas, que parecía que ían ser a panacea dos músicos, o futuro das gravacións e mesmo fonte de ingresos". Mais finalmente quedou "nunha trampa", asegura o intérprete. "Espremen os músicos", nun panorama especialmente complexo para os que traballan fóra do preceptos da industria.

Gabanza do silencio

Doutra banda, o directo, tamén como face indisolúbel do feito musical, reivindica a importancia dos espazos nos que ten lugar a interpretación. "Non é música para escoitar no centro dunha vila, con terrazas ou tránsito", explica.

É por iso, sumado ás restricións impostas pola situación actual, que o pianista decidiu facer os concertos de presentación en localizacións especiais, como carballeiras, atrios ou prazas moi particulares, na procura do silencio como un elemento máis. Ou daqueles sons, como os dos paxaros, que habitan os espazos, e que se incorporan á música. 

comentarios