Carme López realiza a tese de doutoramento sobre o repertorio popular

A música tradicional galega entra na Universidade

Compilación, análise e uso didáctico do repertorio vocal acompañado de percusión de man como parte do patrimonio inmaterial galego. Estudo dun caso representativo. Este é o título da tese de doutoramento de Carme López Fernández, a primeira que trata desde unha perspectiva académica a música tradicional. 

Carme López, intérprete, docente e investigadora da música tradicional.
photo_camera Carme López, intérprete, docente e investigadora da música tradicional.

"Hai algunha tese que fala da música tradicional galega pero si é a primeira que enfoca  a música tradicional desde o traballo de campo, sobre un repertorio concreto. Iso foi unha dificultade engadida porque non existía un marco teórico ao que poder referirme, tiven que crealo a partir de cero", explica López en conversa con Nós Diario

"Hai un traballo de campo fundamental feito a partir de finais da década de 1970 e con moita forza na de 1990, realizado por persoas, normalmente vinculadas a grupos, que se dedicaron a recoller material de forma altruísta. A partir dese labor se crearon arquivos privados moi ricos, mais non existe case nada publicado sobre este proceso. Se queremos entender por que é importante a música tradicional, por que segue funcionando, temos que comprender que o seu labor foi fundamental. E no mundo académico, todo iso non estaba recollido", aclara. 

Carencias do mundo académico galego 

López fixo o seu traballo sobre o repertorio procedente da aldea de Liñares, no concello de Avión, a partir do arquivo privado de Xisco Feijoo e dunha recolla propia. Mais os impeitizos que atopou foron moitos. "O sector da música tradicional é moi amplo e nas últimas décadas está a ensancharse de forma moi significativa, mais tamén é certo que é moi pechado, que a información non sempre está a disposición das persoas investigadoras. Unha cuestión fundamental aquí é a falta de implicación das institucións públicas: estamos falando dunha parte importante do patrimonio inmaterial e apenas existen arquivos públicos -o do Museo do Pobo Galego, nese sentido, é unha excepción exemplar, mais non deixa de ser unha iniciativa privada- nos que se poida reunir e inventariar o material compilado por esas persoas que traballaron, ás veces durante moitos anos, na recolla". 

Ademais, na conformación do sistema universitario galego o estudo da música está separado da Universidade, non existen vías de comunicación entre os Conservatorios e as Facultades. "Na Galiza, na especialidade de Musicoloxía, que é na que se enmarca a miña tese, non existen itinerarios académicos claros nos que, como profesional da música, poidas facer unha tese sobre música galega. De feito, a miña está enmarcada nun programa de doutoramento da Facultade de Humanidades, 'Novas perspectivas en comunicación e documentación das Humanidades'. Hai que dar moitas reviravoltas", confesa a investigadora. "E, por riba, na Academia non están afeitos a tratar este tipo de temas vinculados coa cultura popular. Eu tiven moita sorte coa miña titora, Rocío Chao, mais non é a norma que se entendan ben este tipo de estudos, ou mesmo que queiras redactar a túa tese en galego". 

 

Creadoras e intérpretes 

Unha liña fundamental do traballo foi unha perspectiva de xénero que non se contenta con tratar a muller como transmisora, senón como creadora e como intérprete. "Ás veces percibo esa visión das mulleres como as gardiás do legado e non: elas son as axentes activas da música tradicional. É importante que neste tipo de traballos aparezan con nomes e apelidos, que se subliñe o seu papel creativo na dinámica da música". 

Nun dos apartados da tese López chama a atención sobre a percepción do home como ente individual e a muller como colectivo (o gaiteiro fronte as cantareiras) "o cal pode ter aspectos positivos ou negativos dependendo de como o abordemos. Pero o certo é que elas tamén son creadoras e os seus nomes teñen que figurar no lugar que lle corresponde".  

Pervivencia e adaptación 

A tese de López non queda exclusivamente no ámbito musicolóxico e intérnase en aspectos sociolóxicos. "O estudo da música tradicional recolle aspectos moi reveladores sobre a forma na que socializamos, sobre como se dá o contacto persoal a través da música e do baile". 

O repertorio abórdase na tese desde diferentes perspectivas. Ademais da descrición e notación das pezas desde un punto de vista puramente técnico, unha visión importante é a que contextualiza os encontros nos que a música se converte no centro da comunidade. "As pandeiradas, as festas de pandeiretas, cambiaron moito desde principios do século XX. Na orixe eran festas cuxo obxectivo era mocear, que viñesen os mozos doutras aldeas. Hai un cambio enorme despois da gran vaga de emigración, que baleira as aldeas e que traslada as pandeiradas as Casas de Galiza de Ultramar. A medida que a xente retorna, as pandeiradas volven da man de persoas de mediana idade que lembran a súa mocidade a través da música... Un dos puntos importantes da miña tese é constatar que a música tradicional sobrevive e segue sendo importante porque é quen de adaptarse aos cambios sociais".  

López constata no seu traballo que a transmisión xeracional desapareceu practicamente desde mediados do século pasado, polos cambios socioeconómicos e pola represión da ditadura. "Mais a música seguiu viva por esa capacidade de adaptación: nos últimos tempos, á industria cultural, que xera un mercado e un circuíto profesional que atopa outros contextos para a música.  Nese sentido, é espectacular o auxe dos seráns en ámbitos urbanos, nos que as formas de relacionarse son diferentes do rural".  

Comentarios