Eis a proposta do BNG para declarar BIC a música, canto e baile tradicional galego

"Queremos mostrar o orgullo do noso baile e música, que non é pasado, é presente", afirmou Ana Pontón, quen acusou á Xunta de "non facer os deberes tampouco nesta materia".
Ana Pontón acudiu a unha mostra de baile tradicional. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón acudiu a unha mostra de baile tradicional. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, avanzou que o seu grupo parlamentario defenderá no Pazo do Hórreo unha iniciativa para que se declare ben de interese cultural (BIC) inmaterial a música, canto e baile tradicional galego.

Aliás, reclamará a creación dun observatorio para avaliar o estado de conservación de todas estas expresións artísticas.

Acompañada de cargos locais e deputados nacionalistas no Parlamento galego, Pontón manifestou que o baile galego "é dos máis ricos, non só na península, senón a nivel internacional".

"Ten un valor enorme na súa música, coreografías e segue sendo unha cultura viva", manifestou, nun emprazamento, Patio de Nais, en que tamén tivo lugar unha pequena representación musical a ritmo de gaita e con baile tradicional.

Máis de 30.000 alumnos en escolas tradicionais

A líder nacionalista remarcou que actualmente máis de 30.000 alumnos nas escolas tradicionais, ao redor de mil profesores e, en conxunto, representa un movemento económico de case 6 millóns de euros.

"Son cifras que quizais sorprenden, pero demostran a  viveza e riqueza do noso baile tradicional e tamén que a xente nova segue querendo manter unha tradición", apuntou, porque "entender cales son as nosas raíces, é clave para afrontar con decisión o futuro".

A líder do BNG salientou que o baile e a música "son unha riqueza que hai que protexer e divulgar". Respecto diso, lamentou que "hai dez anos" que se anunciou a incoación dun expediente para que a cultura tradicional fose BIC, algo que non se puxo en marcha até 2018 por iniciativa social, e que a Xunta acabou desestimando en 2020.

Ademais, lamentou que o Goberno galego anunciase que se retomaría pero non se recolleu o traballo feito polas entidades sociais.

Constitución dun observatorio

 Por este motivo é polo que, ademais de impulsar a declaración BIC, o BNG solicitará a constitución dun observatorio para avaliar a conservación e preservar toda a documentación e o traballo ao "longo e ancho deste país".

"Queremos mostrar o orgullo do noso baile e música, que non é pasado, é presente", afirmou Pontón, quen acusou á Xunta de "non facer os deberes tampouco nesta materia".

"É importante que este BIC poida saír adiante, moitas culturas teñen recoñecido esta cultura e non entendemos por que Galicia ten que ser menos", aseverou a portavoz nacional do BNG, que observou unha "falta de vontade política" por parte do Goberno galego.

Comentarios