Máis

Música N'Aldea alumea Rois

O festival impulsado no ano 2020 pola Asociación Cultural Estoribor volve para celebrar a súa cuarta edición.
Música N'Aldea
photo_camera O grupo Zumaque actuando na pasada edición do festival Música N'Aldea. (Foto: Asociación Cultural Estoribor)

O verán de 2020 quedou gravado na memoria colectiva como un dos episodios máis difíciles que viviu a sociedade contemporánea. Nese contexto adverso naceu o festival Música N'Aldea cun marcado carácter social e cun obxectivo claro: impedir que a veciñanza de Rois (O Sar) quedase sen festas patronais.

Despois de catro edicións que gozaron dun éxito notábel, a organización mantense firme nas súas conviccións: pór en valor todos aqueles espazos que foron "testemuña" e "centro da vida" que os precedeu. Falan de eiras, quinteiros e lavadoiros.

Este ano o festival Música N'Aldea regresa a Rois cunha aposta decidida por reforzar o seu compromiso social cunha iniciativa solidaria: combater unha "inxustiza" determinada en cada edición. Este ano destinarán os fondos recadados na venda de camisetas a algunha asociación que estea especializada en socorrer vítimas de violencia machista.

O lugar que acollerá este ano o evento será a aldea Casas do Porto, mantendo a tradición de rotar o punto de celebración entre cada unha das parroquias que conforman o Concello de Rois. Deste modo, o festival mantense fiel á natureza que denominan "nómade". 

O festival comeza mañá coa súa presentación ás 20.30 horas. Esta primeira xornada contará coa música de Xógara, Owl Light Trío e, finalmente, actuará El Nido. O programa do segundo día contempla un almorzo, unha andaina (previa inscrición) e un xantar-romaría para a mañá. Pola tarde, tamén a partir das 20.30 horas, será a quenda das actuacións musicais de Dia-lo-go jazz, Abril e fechará os concertos Mediarea.

Comentarios