A música de Loita Amada protagoniza o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Este número do semanario incorpora mudanzas e novas seccións así como unha presentación da directora de 'Nós Diario', María Obelleiro, na cal avanza as novas colaboracións para o 'Sermos Galiza'
Detalles do 'Sermos' deste sábado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos' deste sábado (Foto: Nós Diario).

Como cada fin de semana, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. Desta volta. O protagonista é o grupo Loita Amada, formado por Jasper a Nébeda. Elvira Branco entrevista as dúas artistas nunha conversa que tivo lugar días antes da súa primeira gran cita, na sala Capitol de Compostela.

"Eu quería darlle ao proxecto un toque máis galego, non só na música, senón que tivese un algo de raíz.", sinala Jasper na conversa que se publica este sábado.

'Plástica Castrexa’

Felipe-Senén asina esta reportaxe sobre unha exposición comisariada desde o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

"Unha mostra con fondos escultóricos de variada funcionalidade, estatuas de guerreiros e sedentes, cabezas cortadas, elementos construtivos de formas xeométricas... Xuntou as singularidades dun museo que bebe da identidade galega", menciona Felipe-Senén na reportaxe.

MAM

A outra reportaxe do Sermos desde sábado trata sobre Pablo Menéndez, un arquitecto que ten demostrado “unha gran capacidade de adaptación”.

A reportaxe, a cargo de Iago Valverde, trata sobreo estudo deste arquitecto que, en palabras do autor “caracterízase pola diversidade de tipos, escalas e contextos de obras que desenvolve. Fan dende o deseño do detalle ao plan urbano. O fío que as une a todas é a estratexia”.

Cine, teatro, literatura e arte

O experto en cinema Andrés Castro analiza o filme Almas en pena de Inisherin (The Banshees of Inisherin)

Tensi Xesteira analiza na sección de libros Funámbulas, un libro de Charo Valcárcel Esta obra conta "con historias que recollen retallos da vida, e deses momentos nos que todo se esnaquiza", sinala Xesteira. 

Manuel López Foxo, pola súa parte, fálanos de Setembro, obra de Marta Dacosta. En palabras de Foxo "Dacosta fai unha homenaxe á nai e a toda a estirpe feminina, que proseguirá despois noutros libros”.

No apartado musical, Lois Agrelo fálanos do disco Disenso, de Telephones Rouges, “banda, orixinaria do Grove que publicou traballos entre 2011 e 2012, a cabalo da segunda recesión.”; mentres que Xurxo Souto escribe un artigo titulado ‘Mangüi, sempre en Nós!’.

Aliás, Ramsés Pérez estrea sección: ‘Ir ás aves’ na cal e neste número analiza  Aves da lama e da area en Caldebarcos.

Carlos L. Bernárdez trata na sección de Arte a obra Desapego de Andrea Costas co Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios