martes 02.06.2020

Os museos de arte contemporánea en zona descoñecida

As mudanzas no Marco de Vigo e o anunciado peche do Museo de Arte Contemporánea Naturgy da Coruña son os dous últimos síntomas dunha
crise, a dos centros de arte contemporánea, que evidencia algunhas problemáticas de orixe.

 

Museo de Arte Contemporánea Naturgy na Coruña
Museo de Arte Contemporánea Naturgy na Coruña

A clausura do Museo de Arte Contemporánea (MAC) Naturgy da Coruña, o antigo Macuf, é apenas o último sinal dun corremento de placas tectónicas no mundo da arte contemporánea. O baixo perfil do CGAC en Compostela ou as protestas derivadas da finalización do contrato do ex director do Marco de Vigo corroboran a tese: algo sucede na institucionalidade da arte en Galiza. E aínda que a crise económica de 2008 marca un punto de inflexión, os motivos últimos hai que procuralos máis atrás.

 

Polo menos así o considera a investigadora Agar Ledo. “Os museos de arte contemporánea precisan unha reformulación, e claro que están en crise. Mais esta crise ten as súas orixes no intre en que xorden”, afirma. Tres características definiron aquel tempo, entre a década de 80 e de 90: unha conxuntura económica favorábel, a descentralización administrativa do proceso autonómico, e as políticas culturais baseadas en infraestruturas. O terreo ascendente que conduciu á apoteose neoliberal na mudanza de século implicou, para os museos, adscribirse ao modelo de turismo cultural, visibilidade espectacular, industria. “A crise de 2008 evidencia unha situación que, desde o inicio, estaba abocada ao fracaso”, opina Ledo, que foi ademais responsábel de exposicións do Marco até o pasado febreiro.

 

1

Esta paisaxe, xeralizada en occidente, muda despois de Lehman Brothers. A reformulación dos centros dedicados ás artes contemporáneas convértese en inevitábel. Porén, Ledo non percibe que a reflexión se estea a producir en Galiza. “O sector vive a situación nun certo estado de shock”, considera o pintor Antón Patiño, “como acontece cando sucede algo fóra de control”. El mesmo participou o pasado decembro nunha xornada do Consello da Cultura Galega dedicada a examinar “os espazos culturais da arte en Galiza”.

 

“O que pasa é imposíbel de asimilar, deixa un burato negro no sector das artes plásticas”, di, en referencia ao peche do MAC. Mudanzas na cúpula de Gas Natural provocárono. O museo, inaugurado en 1995, arrincara da man de Luís Caruncho e Julián Trincado, daquela encargados da materia artística na vella Fenosa. Agora só “un milagre” pode salvalo. Ou salvar a importante colección de arte contemporánea que foi xuntando, arredor de 550 pezas. Patiño propón, e propuxo no Consello da Cultura ante cargos da Xunta, a seguinte fórmula: unha fundación pública ou un “consorcio estábel” en que participen Goberno galego, Concello da Coruña e Deputación.

 

[A íntegra desta reportaxe aparece no Sermos329, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

 

 

comentarios