O Museo de Facal, a restauración do Himno e Manuel Veiga, protagonistas do 'Sermos Galiza'

Neste novo número do semanario entrevistamos o xornalista Manuel Veiga con motivo da súa última novela, analizamos a deturpación histórica do Himno da Galiza ideado orixinalmente por Eduardo Pondal e o anteproxecto do Museo de Arte Contemporánea Manuel Facal, entre outras moitas novidades do sector cultural.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana, á venda a partir do sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana, á venda a partir do sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o protagonista é o Museo de Arte Contemporánea Manuel Facal, cuxo anteproxecto veñen de presentar a fundación que leva o seu nome e mais o Concello de Carballo. O artista bergantiñán quere un espazo no que deixar o seu legado e ao mesmo tempo colocar o seu Carballo natal no mapa museístico da Galiza e do mundo. Unha vivenda familiar na rúa sol e as súas obras conforman xa o esqueleto deste ambicioso proxecto bergantiñán.

Patricia Villarino, autora desta reportaxe, salienta que o motor desta iniciativa é facer "un lugar esencial para a arte". O punto de partida da fundación e do propio Manuel Facal non pode ser mellor, o seu mantra artístico foi sempre "sacar a arte á rúa" e o anteproxecto elaborado polos arquitectos carballeses Diego Díaz e Gustavo Figueira aposta precisamente por derrubar muros e paredes e abrir o inmóbel do 38 da rúa Sol a un Carballo ansioso por ser ademais de motor económico da zona, un espazo para o ocio e a cultura en todo o país.

Manuel Facal é o único carballés vivo cunha rúa ao seu nome no seu concello. A Manuel Facal é a rúa que une a Vila de Negreira coa Gran Vía desde marzo de 1991. En Carballo a súa pegada é máis que esta placa, as esculturas do polígono de Bértoa, o patio do Instituto Monte Neme ou a saída do aparcadoiro do centro comercial, acompañan a diario os seus veciños e veciñas. Ademais, a Casa do Concello ten tamén a súa pegada no libro de visitas en un impoñente cadro que recibe cada visitante no edificio municipal.

Restaurar o himno, facer xustiza

A reportaxe de apertura deste Sermos leva a sinatura do catedrático da UDC Manuel Ferreiro, encargado de defender no Parlamento da Galiza a ILP que procuraba restaurar a versión fidedigna do Himno galego, composto por Eduardo Pondal en 1890. Unha iniciativa, porén, que topou coa oposición de PP e PSdeG malia contar co apoio de 16.000 persoas asinantes.

"Despois da Lei de Símbolos de 1984, non é esta a primeira vez que o himno chega ao Parlamento: en 1996 foi creada unha ponencia conxunta, presidida por D. Victorino Núñez, onde eu comparecín pola publicación do estudo De Breogán aos Pinos. O texto do himno galego en que estas alteracións foron expostas e xustificada a necesidade da súa rectificación. Aínda máis tarde, en 2002, foi aprobada por unanimidade unha proposición non de lei sobre a integridade do himno (4 estrofas, 32 versos) e a necesidade dunha campaña de difusión. E, finalmente, en 2017, de novo chegou o himno ao Parlamento a partir da publicación do volume Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa), da profesora e ex deputada D. Pilar García Negro, con petición aos grupos parlamentares para interesarse de novo pola restauración da letra certa do Himno", explica Ferreiro.

Manuel Veiga: da guerrilla a hoxe

Manuel Veiga Taboada (Monforte de Lemos, 1960) vén de dar ao prelo unha nova novela onde as contrapartidas organizadas polo franquismo para combater a guerrilla son as protagonistas. Un traballo de ficción dun narrador de longa carreira, ensaísta e xornalista, que dirixiu ademais A Nosa Terra nos últimos anos de vida do semanario. Precisamente, a situación dos medios na Galiza, o futuro do papel e a posibilidade dun xornalismo independente ocupan parte da conversa que mantén con Ramón Ermida neste número do semanario.

"O que segue valendo é a frase de Risco de que os políticos galegos fan política madrileña na Galiza e política persoal en Madrid. Tamén hai outra cousa na que son parecidos os de antes e os de agora: os políticos galegos realmente non pintan nada en Madrid. Poden estar anos, pero como non representan ninguén, acaban mandando pouco e a proba é que, habendo tantos, despois os libros de historia só lle dedican unhas liñas", afirma Veiga, nun momento da entrevista.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira analiza na sección de Libros diferentes obras, a comezar por A miña vida nas estradas, de Gloria Steinem e traducida por Raquel Senra (Hércules Edicións, 2023). E Manuel Barreiro fala de banda deseñada abordando O Paso do noroeste, de Queipo e Primitivo (Galaxia, 2023).

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Cabalgata, de Ataque escampe (Tremendo Audiovisual, 2023), así como outras novidades do sector, e Xaime Estévez asina o artigo 'A música tradicional na escola: para todas, para todos, para todo'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O sobrevivente de Auschwitz, de Barry Levinson (Canadá e Hungría, 2021) e outras películas de estrea. E Sole Felloza, na sección de Patrimonio Oral, asina o artigo A raíña.

No apartado de Arquitectura, Lázaro Armental fala de 'Desexar o lixeiro', mentres Pepe Barro fala en 'Un punto colorido' de diferentes marcas comerciais e os seus deseños.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios