O Museo do Pobo rendeu homenaxe á renovadora da pedagoxía Antía Cal

O Museo do Pobo Galego lembra a ensinante e pedagoga Antía Cal, "Tita", no día en que faría cen anos.
O saxofonista Pablo Castaño nun acto do Museo do Pobo (Foto: Arxina).
photo_camera O saxofonista Pablo Castaño, onte no acto (Foto: Arxina).

O Museo do Pobo Galego celebrou onte un acto de lembranza á pedagoga Antía Cal, no día en que faría cen anos. No acto, varios nenos e nenas leron fragmentos dos libros escritos por Cal, O libro dos nenos e O arte e a súa historia, xa que o acto servía tamén para escenificar a doazón dos orixinais destas obras ao Museo por parte da familia. 

Na cerimonia interviron Elisa Suárez-Amarelo, mestra e ex alumna de Cal, Antón Beiras Cal, como representante da familia, e Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo.

Ademais, o acto estivo amenizado polas actuacións do saxofonista Pablo Castaño e polo narrador e director teatral Quico Cadaval. 

 

Pedagoxía renovadora 

Antía Cal -Tita, como a chamaban as persoas achegadas e o seu alumnado- falecida cando estaba a piques de facer 99 anos, foi unha pioneira na renovación pedagóxica e na introdución na Galiza de novas formas de ensino. En 1961 fundou en Vigo a Escola Rosalía de Castro, un colexio foi pioneiro na introdución do galego no ensino, e tamén do inglés, ademais de ser laico e mixto en plena ditadura franquista.  A escola destacou, ademais, pola oferta de bolsas ao alumnado procedente de familias con poucos recursos e por promover o ensino infantil, practicamente inexistente na altura. 

Antía Cal nacera na Habana en 1923, pois a súa familia, orixinaria de Muras, emigrara a Cuba. Con nove anos regresa á Galiza e instálase en Vigo. 

Cal estudou Xeografía e Historia, e pouco despois casou co oftalmólogo Antón Beiras (irmán de Manuel Beiras e tío, de Xosé Manuel Beiras), con quen tivo catro fillos. 

En 1958 Antía Cal escribira O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego, unha obra que foi premiada polo Lar Galego de Caracas, pero que permaneceu agochada durante 60 anos até que en 2018 o editou a Deputación de Lugo. 

Esta obra, pioneira da pedagoxía galega, conta con preto de 400 paxinas e céntrase na xeografía universal e galega e tamén na Historia do mundo e da Galiza. 

"Tita" recibiu nos últimos anos da súa vida premios e recoñecementos como o Pedrón de Ouro (2004), o Premio Trasalba (2012), o Premio Otero Pedrayo da Deputación da Coruña (2018) ou o Premio Ernestina Otero do Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo (2015).

Miguel Piñeiro recolleu a súa historia no documental A palabra xusta (2016).

 

Comentarios