Falece Antía Cal, mestra e pioneira da renovación pedagóxica galega

A mestra que ensinaba a amar Galiza

Antía Cal, mestra e pedagoga, pioneira da renovación do ensino na Galiza, faleceu onte, a piques de facer 99 anos. O seu labor á fronte do colexio Rosalía de Castro foi precursor da escola do século XXI, laica, mixta, igualitaria. Foi tamén introdutora, en pleno franquismo, do ensino do galego na educación. 
Antía Cal, nun fotograma do documental de Miguel Piñeiro 'A palabra xusta', centrado na súa figura.
photo_camera Antía Cal, nun fotograma do documental de Miguel Piñeiro 'A palabra xusta', centrado na súa figura.

As aulas do Colexio Rosalía de Castro tiñan portas corredizas. Non era estraño que, en calquera instante, na metade de calquera clase, se abrisen cun estrondoso golpe e entrase, como unha tromba, Tita, Antía Cal, a directora. Neses casos, o primeiro que pronunciaba era un “Perdoa X” (onde X era o profesor ou profesora que estivese impartindo aulas naquel momento) para, acto seguido, compartir con todo o alumnado algo que ela consideraba de suma importancia para a nosa educación: un artigo de opinión, unha noticia de prensa, unha lembranza evocada por un suceso recente. 

Lembro con particular claridade o día que entrou -como sempre, anunciada co golpe de porta e o perdoa...- emocionada tras ler un artigo de Gabriel García Márquez publicado en El País e titulado “Viendo llover en Galicia”. Nel, o Nobel colombiano falaba da súa primeira visita ao noso país, dunha avoa -quizais galega- da que herdara a capacidade de fabular cunha “credulidade que lle permitía vivir nun mundo sobrenatural onde todo era posíbel”, do sabor do lacón a través do que accedera a todo un mundo sensorial onde se mesturaban o gastronómico e o lendario. A Tita, aquel artigo transportábaa a un mundo onde o entusiasmo polas eloxiosas palabras cara ao noso país daquel escritor -que naqueles anos significaba moito- conxurábase co orgullo de ser galega. Un orgullo que se manifestaba nun longo monólogo onde convivían Cunqueiro e Rosalía, Dieste e Castelao, as cantigas de amigo e o coronel Aureliano Buendía. Con frecuencia, aquelas intervencións contaxiaban unha emotividade que a nosa adolescencia nos impedía recoñecer. 

Antía Cal, Tita, dedicou toda a súa vida ao ensino, no que foi pioneira da renovación pedagóxica, inspirada pola Institución Libre de Enseñanza e nas novas metodoloxías que se abrían paso en Europa. En pleno franquismo, en 1961, fundou o colexio Rosalía de Castro, un colexio laico, mixto, que introducía formas novidosas de ensinanza e que incluía o inglés -sempre impartido por profesores nativos- e, desde logo, o galego. 

No transcurso daquelas viaxes a Europa, Cal entrou en contacto coas novas correntes pedagóxicas que logo aplicaría no Rosalía de Castro

A renovación pedagóxica 

Filla de emigrantes orixinarios de Muras, Antía Cal, Tita, naceu na Habana en 1923. Cando tiña nove anos regresou á Galiza e instalouse xunto coa súa nai e os seus irmáns en Vigo, mentres o pai permanecía traballando en Cuba. Por vontade paterna, estudou Comercio, mais tamén fixo Maxisterio por vocación e, ao rematar, estudou Filosofía e Letras en Santiago, especializándose en Xeografía e Pedagoxía. Casou co oftalmólogo Antón Beiras -irmán de Manuel Beiras e tío de Xosé Manuel Beiras- con quen tivo catro fillos. Antón era un coñecido militante e activista e ela mesma chegou a ter que ir declarar unha vez á comisaría por ter asinado unha petición para que non encarcerasen a Carlos Núñez (pai do famoso gaiteiro). 

O estrabismo dunha das fillas levounos a viaxar por varios países europeos en busca dunha solución e para facer unha investigación sobre esa enfermidade ocular. No transcurso daquelas viaxes, Cal entrou en contacto coas novas correntes pedagóxicas que logo aplicaría no Rosalía de Castro. Particular influencia sobre ela tivo a descuberta, en Xenebra, do pedagogo da Ilustración Johann Heinrich Pestalozzi, que avogaba por seguir o curso evolutivo da natureza da cativada, sen adiantarse a este de forma artificial. Posteriormente, contactou en Catalunya coas Escolas de Verán Rosa Sensat que a axudaron a mellorar a formación do profesorado da escola. 

Tita xa publicara en 1958 O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego, unha obra de case catrocentas páxinas centrada na xeografía e na Historia universais e da Galiza. O libro foi premiado polo Lar Galego de Caracas, pero que permaneceu oculta durante sesenta anos, até que en 2018, grazas á intervención de Miguel Piñeiro, o editou a Deputación de Lugo. 

"Algunha vez téñolle pedido a Antón que me levase con el ás reunións de Galaxia, pois xa estabamos en Vigo, casados, pero el dicíame que non ían mulleres. 'Será porque non queren ir', retruquei, 'pero eu quero'. Nunca me levou", escribe. 

As dificultades de ser muller  

No seu libro autobiográfico Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia), Antía Cal relata as moitas dificultades que se lle presentaron primeiro por proceder dunha familia humilde e, logo, por ser muller. "Algunha vez téñolle pedido a Antón que me levase con el ás reunións de Galaxia, pois xa estabamos en Vigo, casados, pero el dicíame que non ían mulleres. 'Será porque non queren ir', retruquei, 'pero eu quero'. Nunca me levou", escribe. 

E malia todos os obstáculos, logrou consolidar toda unha obra pedagóxica da que se beneficiaron ducias de xeracións de vigueses e viguesas. Foi unha precursora en todo o que tiña que ver co seu oficio, mais se cadra, a súa maior achega ao mundo do ensino constituína a súa dedicación a transmitirlle ao seu alumnado o amor por Galiza. 

Unha traxectoria recoñecida 

Nos últimos anos, Cal recibiu moitos premios que recoñecían a súa traxectoria: o Pedrón de Ouro, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo da Deputación da Coruña, o Premio Ernestina Otero do Concello de Vigo ou o Premio Mulleres en Acción da Mostra de Teatro de Cangas (na foto). 

Comentarios