A pedagoga Antía Cal gaña o Premio Trasalba

A mestra Antía Cal recibirá o galardón polo seu traballo de renovación pedagóxica e o seu labor galeguizador.

 

Renovación pedagóxica e labor galeguizador son os dous ámbitos da traxectoria de Antía Cal que a Fundación Otero Pedrayo valorou á hora de lle outorgar o Premio Trasalba que será entregado o derradeiro domingo do mes de xuño.

 

Nada na Habana, Antía Cal regresou a Galiza onde desenvolveu a súa formación e fundou en 1961 o colexio Rosalía de Castro, centro en que aplicou as ideas pedagóxicas renovadoras, en especial, as teorías do colectivo Rosa Sensata de Marta Mata. O Rosalía de Castro caracterizouse tamén no tardofranquismo polo seu traballo normalizador na nosa lingua e o achegamento do alumnado ás figuras da nosa cultura e a nosa historia. No Rosalía de Castro cada aula levaba o nome dun persoeiro galego, de Eduardo Pondal a Castelao pasando polo mesmo Alexandre Bóveda, nos tempos en que a rixidez e a españolización do ensino franquista aínda imperaban.

 

Casada co oftalmólogo e investigador Antón Beiras, galeguista de esquerdas, Antía Cal relata a súa vida no libro Ese camiño que andamos xuntos (Galaxia).


Máis en MEMORIA E HISTORIA