O Museo do Pobo organiza unha deriva senso-sonora polo edificio

Trátase da segunda vez que se leva a cabo esta experiencia sensitiva e sonora inspirada nas derivas situacionistas.
Museo do Pobo
photo_camera Museo do Pobo

O Museo do Pobo Galego invita a unha actividade para experimentar as súas salas dun modo diferente, este sábado 24 de febreiro ás 10 e ás 19.30 horas. O edificio está cheo de "presenzas" que habitan o lugar, desde os monxes medievais a Rosalía ou Castelao. En silencio e coa escoita de todo o corpo aberta á experiencia, as persoas participantes transitarán o edificio na compaña de Elsa Pereira, persoal de sala do Museo que cada día comparte ritual cos seres que habitan este lugar onde, cada día, ao apagar as luces, as ánimas de ocupan os espazos que lles corresponden e debaten, cantan e murmuran o acontecido durante a xornada.

Trátase da segunda vez que se leva a cabo esta experiencia sensitiva e sonora inspirada nas derivas situacionistas, que nos convidan a pensar nos motivos de que, en determinado lugar, dobremos á dereita ou á esquerda ou de xeito intuitivo nos deteñamos. 

No transcurso da deriva, as persoas participantes atoparán sorpresas, murmurios, imaxes e sensacións que, máis que dar medo, conectan co íntimo e o poético dun edificio con tanta carga de vida e morte como é San Domingos de Bonaval

Elsa Pereira

Elsa Pereira é, ademais de traballadora do Museo, bailarina e investigadora na disciplina "Body weather" e ten realizado traballos "site specific" corpo-paisaxe no espazo urbano, sempre co obxectivo de botar unha ollada consciente sobre o territorio que nos rodea. Durante a súa formación en danza e creación contemporánea, realizou un traballo inspirado nos camiños de luz que existen na obra de Álvaro Siza dentro da Facultade de arquitectura do Porto e promove Derivas en silencio na procura dos camiños do desexo que, debido ás continuas transformacións que sofre a cidade ao longo do ano, é preciso deliñar sobre o territorio para poder seguir habitando e transitando o lugar que escollemos para vivir.

Comentarios