O Museo do Pobo exhibe as imaxes gañadoras do Premio Ksado

Hoxe renderase homenaxe ao fotógrafo Veiga Roel en Betanzos. 
Presentación do premio Ksado esta cuarta feira (Foto: Concello de Santiago).
photo_camera Presentación do premio Ksado esta cuarta feira (Foto: Concello de Santiago).

O Museo do Pobo Galego exhibe desde onte, e até o vindeiro 4 de novembro, as fotografías gañadoras e as finalistas do 17º Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica, convocado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña. Na inauguración da mostra interviñeron a deputada provincial de Cultura, Natividade González; o comisario do certame, Xurxo Lobato; a presidenta do museo compostelán, Concha Losada; e o gañador este ano do premio, Fuco Reyes. 

A exposición que agora se pode ver no Museo do Pobo, e que posteriormente visitará outras localidades, recolle as series El espejo de Claude, de Reyes, gañador do certame, así como as finalistas: Adeus, de Vicente Fraga, mención de honra; Microcosmos, de Roberto de la Torre; O capitalismo salvaxe, de Agustín Iglesias; Xeometrías do noso rural, de María Teresa Domínguez; e No zoco da lembranza, de Belén Lozano. 

A respecto da serie que resultou gañadora, El espejo de Claude, de Fuco Reyes, o xurado salientou "os riscos que asume, executando con audacia unha proposta cunha gran variedade de imaxes pero mantendo a coherencia narrativa e visual no conxunto da serie". 

A colección presentada por Reyes forma parte dun proxecto documental que o fotógrafo compostelán realizou ao longo do último ano por diferentes IES da Galiza, traballando co alumnado en obradoiros específicos. 

Homenaxe a Veiga Roel 

A Deputación da Coruña organiza unha serie de actividades arredor desta edición do premio Luis Ksado, que terán lugar ao longo do mes de outubro na Coruña e Betanzos. 

Hoxe mesmo,  5 de outubro realizarase no salón azul do Arquivo de Betanzos unha homenaxe ao fotógrafo histórico José Veiga Roel, que contará coa participación de Ángel Arcay, José Raimundo Núñez-Varela Lendoiro, Natividade González, María Barral, Xurxo Lobato e a familia de Veiga Roel.  

José Veiga Roel (Betanzos, 1894) representa a máxima expresión do salonismo dominante nos anos 50 e 60. O artista, a pesar da súa tardía vocación, acadou innumerables distincións nos certames internacionais máis importantes da época. 

Por outra parte, o Centro Ágora da Coruña acollerá dous obradoiros, o primeiro deles o día 10 de outubro con Eugenio Recuenco, fotógrafo de publicidade e moda e o segundo o 11 de outubro con Cristina de Middel, presidenta da Axencia Magnun e Premio Nacional de Fotografía. Ambos os dous realizaranse en horario das 16 a 20 horas. 

Comentarios