O Museo de Pontevedra afonda na historia desde unha perspectiva feminista

Ofelia Rey falará o día 16 de marzo en Santa Clara sobre as mulleres nos conventos na Idade Moderna, e unha xornada o día 30 debaterá sobre como repensar os museos desde o feminismo.

Concerto de Mireya Dieste. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Concerto de Mireya Dieste. (Foto: Deputación de Pontevedra).

O Museo de Pontevedra desenvolverá ao longo de 2023 un intenso programa de conferencias, seminarios, encontros e simposios que afondarán nas liñas de investigación propias do Museo e abordarán algúns dos temas máis relevantes do debate actual arredor dos museos e a cultura. As primeiras sesións, este mes de marzo, achegaranse á historia e aos museos desde unha perspectiva feminista.

A primeira cita será o xoves 16 de marzo. Ofelia Rey, catedrática de Historia moderna pola Universidade de Santiago de Compostela e Premio Nacional de Historia en 2022, pronunciará a conferencia ‘Emancipación e transgresión. Mulleres nos conventos da Idade Moderna’. Será ás 20 h no Convento de Santa Clara.

Ofelia Rey explicará o feito social e económico que rodeaba o auxe dos mosteiros e conventos femininos, especialmente na Idade Moderna: as fillas das familias ricas e poderosas eran metidas nos conventos cando eran nenas e alí quedaban para sempre, de non aparecer con quen casalas. Neses encerramentos levaban unha vida acomodada e sen grandes preocupacións ao tempo que as esixencias relixiosas eran bastante levadeiras. Con todo, era unha existencia imposta que algunhas monxas non foron quen de soportar.

Na tarde do xoves 30 de marzo, o Museo acollerá o seminario ‘Museos, feminismos, canon’, organizado en colaboración coa Universidade de Vigo. Das 16 ás 20.30 horas no Edificio Castelao desenvolveranse tres conferencias e unha mesa redonda para achegarse aos museos desde unha perspectiva feminista. O acceso será libre, pero as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente escribindo a [email protected].

Lourdes Méndez, catedrática de Antropoloxía e Arte da Universidad del País Vasco, pronunciará a conferencia ‘Museos, museos, museos desde o feminismo’. Méndez parte de que independentemente do seu ámbito, todo museo fai seu un sistema clasificatorio a partir do que organiza obxectos, técnicas e produtores. Para pensar esta institución desde o feminismo é necesario darlle visibilidade aos nesgos dese sistema e reflexionar sobre como transformar a narrativa histórica excluínte e democratizar a arte e a cultura.

A intervención de Lourdes Prados Torreira, catedrática de Arqueoloxía da Universidad Autónoma de Madrid, xirará sobre ‘Pensar os museos arqueolóxicos desde unha perspectiva feminista’. Na súa conferencia avogará por lanzar unha nova mirada ao rexistro arqueolóxico, partindo de investigacións científicas rigorosas. Exporá cales son os comportamentos dos museos arqueolóxicos á hora de incluír ou non a perspectiva de xénero nas súas institucións, que debilidades e fortalezas observa e que pautas axudarían a conseguir uns museos máis igualitarios.

A terceira conferencia será a cargo de Concepción Lomba, catedrática de Historia da Arte pola Universidad de Zaragoza, que se achegará desde o feminismo aos museos de Belas Artes. A xornada pecharase cunha mesa de debate na que participarán as tres conferenciantes e que moderará Fátima Braña, profesora de Antropoloxía da Universidade de Vigo.

Programación anual de xornadas e seminarios

As sesións de marzo serán as primeiras dun amplo programa de xornadas e seminarios que se desenvolverá ao longo do ano 2023 e que se organiza arredor da difusión e o debate sobre as liñas de investigación que desenvolve o propio Museo. O obxectivo é integrar o estudo das coleccións propias co traballo desenvolvido por outras institucións museísticas e académicas.

Os temas que se abordarán nesta programación correspóndense coas liñas estratéxicas e transversais da investigación na institución: ademais da perspectiva feminista que se tratará en marzo, afondarase nas novas narrativas nos museos do século XXI; a xestión de patrimonios incómodos e o estudo da procedencia das pezas; a arte galega en América; a guerra, a represión, as migracións e o exilio; o Seminario de Estudos Galegos; e a figura de Castelao.

En abril desenvolverase un seminario sobre o relato dos museos provinciais galegos, con participación de responsábeis de museos deste tipo de dentro e fóra da Galiza, como Luis Grau, director do Museo de León, e a conservadora María Auxiliadora Llamas, presidenta de ICOM España. Tamén ese mes o investigador Francisco Prado-Vilar pronunciará a conferencia ‘O tesouro dos arquivos: investigación, descubrimentos e o futuro do patrimonio de Galicia’.

Xa en maio, o catedrático de Princeton University, Germán Labrador, achegarase a un tema polémico e de actualidade, a descolonización dos museos. Ese mesmo mes celebrarase o I Encontro de Arqueoloxía, que se unirá aos outros encontros que organiza cada ano o Museo: de educación e de conservación e restauración. A seguinte cita, xa en xuño, será unha conferencia do profesor Arturo Colorado, titulada ‘Patrimonio en tempos de guerra e posguerra. Incautacións e restitucións’.

A programación continuará nos meses seguintes, nos que está prevista a participación de figuras destacadas da investigación e divulgación cultural e científica e da xestión de museos. Unha parte importante da programación do segundo semestre estará dedicada ao Seminario de Estudos Galegos, do que se celebra este ano o centenario da súa creación.

Máis actividades polo 8M

Ademais de centrar en marzo a programación de xornadas e seminarios na perspectiva feminista, o Museo organiza este mes outras actividades coas que conmemorar a celebración do 8 M, Día Internacional da Muller.

O venres 10 de marzo ás 19.00 o Edificio Castelao acollerá o concerto ‘Mireya Dieste ao piano’. Trátase dun Concerto de piano con narrador e imaxes proxectadas no que se conta a historia de Mireya Dieste, pianista galega moi destacada que faleceu en 2015 aos 99 anos.

O concerto fai un recorrido pola vida musical na familia Dieste, á que pertencía Mireya, sobriña do escritor Rafael Dieste. O historiador musical José Luis do Pico Orjais vai narrando a historia entre as pezas musicais que interpreta ao piano Goretti Domínguez. No concerto soará un movemento dunha sonata de Beethoven, tres preludios de Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, unha peza para piano de J. S. Bach e a traxedia cómica ‘Recuerdos de mi rincón. Op.14’ de Joaquín Turina.

Durante este mes continúa tamén o curso divulgativo sobre historia da arte ‘Avantaxado feminino 2’, no que Carolina Munáiz dedica cada sesión a unha muller artista. As sesións, de acceso libre, celébranse no Edificio Castelao os mércores ás 19 h. As próximas estarán dedicadas á pintora María Blanchard (8 de marzo), a escultora Meret Oppenheim (15 de marzo), a fotógrafa Lee Miller (22 de marzo) e a pintora Leonora Carrington (29 de marzo).

Comentarios