O Museo de Pontevedra "devolve" a Polonia dúas obras espoliadas polos nazis

Elzbieta Rogowska, directora do departamento de Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional da República de Polonia, expresou "de corazón" o agradecemento ao Museo e á Deputación de Pontevedra pola rapidez e facilidades dadas para a restitución das obras.
Acto de devolución das obras a Polonia no Museo de Pontevedra esta cuarta feira (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
photo_camera Acto de devolución das obras a Polonia no Museo de Pontevedra esta cuarta feira (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).

O Museo de Pontevedra restituíu esta cuarta feira o díptico da ‘Dolorosa’ e O ‘Ecce Homo’ espoliado a Polonia polos nazis. Así, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e responsábel do Museo, César Mosqueira, asinou a acta oficial e fixo entrega gratuíta destes cadros ás persoas representantes do Goberno polaco, "o seu lexítimo propietario", culminando así unha devolución que pretende ser "modélica".

A continuación, uns técnicos especialistas descolgaron os cadros que até agora formaban parte dunha instalación efémera habilitada polo Museo de Pontevedra.

As pinturas serán trasladadas ao Museo Nacional de Poznan que as terá en depósito para rehabilitalas antes de que cheguen ao seu destino definitivo, que será o castelo de Goluchow, de onde foron roubadas.

Neste acto de restitución tamén estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o director do Museo, Xosé Manuel Rei, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a directora do departamento de Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional da República de Polonia, Elzbieta Rogowska, así como o letrado polaco Miquel Bordas Prószynski, xunto a persoal técnico de ambas as institucións.

César Mosqueira comentou que, ao longo da súa dilatada traxectoria na xestión pública, asinando ao longo da súa vida millares de expedientes e actas, "esta é posibelmente a máis satisfactoria" para el, "porque é axudar a restituír unha inxustiza, axudar a restituír arte espoliado, axudar a facer un mundo mellor".

Elzbieta Rogowska expresou "de corazón" o agradecemento ao Museo e á Deputación de Pontevedra pola rapidez e facilidades dadas para a restitución.

Ademais, recalcou que o valor das obras non está só na súa beleza pictórica, "senón no simbólico, pola súa condición de obras espoliadas e agora restituídas".

A 'viaxe' das obras

As pinturas, após saíren de Varsovia en 1944, chegaron até un comercio de arte de Madrid en 1973 e acabaron no Museo de Pontevedra en 1994, como parte da compra da colección de José Fernández López, formada por 313 pinturas de autores e cronoloxías diversas.

Actualmente, están abertos 23 expedientes por parte de Polonia neste proceso de recuperación que adoita ser "moi longo" prolongándose durante anos, algo que non ocorreu en Pontevedra, polo que expresaron o seu agradecemento á Deputación "por axilizar todo este proceso".

Elzbieta Rogowska asegurou que esta actuación da Deputación de Pontevedra "pode ser un procedemento modelo" para outros países.

Comentarios