Santa Clara pasa a formar parte do Museo de Pontevedra

O Concello e a Deputación asinaron onte a cesión do convento
Lores e Silva asinando a cesión de Santa Clara, hoxe. (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera Lores e Silva asinando a cesión de Santa Clara, hoxe. (Foto: Concello de Pontevedra)

A xestión de Santa Clara e todo o proceso de musealización e rehabilitación que se fará do emblemático espazo pontevedrés pasa ás mans da Deputación de Pontevedra. Así o deixaron escrito hoxe o Concello e a Deputación nunha xornada histórica para o antigo convento, coa que comeza un novo capítulo como equipamento do Museo de Pontevedra.

O acto da sinatura realizada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, foi seguido da entrega das chaves que abren distintas estancias de Santa Clara.

O vice presidente da Deputación, César Mosqueira, que tamén estivo no acto, mostrouse satisfeito da rapidez e efectividade na que se fixeron os trámites para a cesión de Santa Clara do Concello á Deputación. Lembrou que xa nos anos 70 e 80 nos círculos culturais da cidade se pensaba que incorporar o convento ao Museo sería o ideal.

"Tiveron que pasar 50 anos, mais xa é unha realidade". Tamén recordou que nestes momentos o museo "está xa a realizar actividades e estudos, e ten trámites en marcha para a rehabilitación do inmóbel. principalmente o concurso internacional de proxectos".

"O gran museo da Galiza"

Pola súa parte, Silva asegurou que hoxe foi "un día transcendental para o Museo de Pontevedra, para a cidade e para toda a Galiza" que, ademais, formará parte "desta longa historia do Convento de Santa Clara". Así, quixo mostrar a súa satisfacción por ter acadado o acordo que servirá "para ampliar o Museo Provincial e convertelo na gran referencia de todos os museos da Galiza".

Finalmente, Lores indicou que o antigo convento "queda nas mellores mans posíbeis" ao ser esta sinatura "un chanzo máis na idea de ver o Museo de Pontevedra como o gran museo do país". O alcalde lembrou que a compra de Santa Clara foi a maior operación urbanística desde o século pasado, sendo un investimento "importantísimo" ao respecto do eido cultural.

Comentarios