O mundo da cultura dáse cita en Outeiro de Rei

Durante todo o día, Outeiro de Rei será o centro da cultura na xornada de inauguración da Casa Museo Manuel María. Música e literatura da man nun programa que se prolongará durante todo o sábado no que se abrirá ao público a casa natal do escritor, un novo centro cultural para o país. 

A inauguración oficial terá lugar ás 11.30 horas mais a cita máis popular dará inicio ás 14 horas, co xantar na carballeira de Santa Isabel, espazo literario e sentimental para Manuel María nun convívio no que se agardan máis de medio milleiro de persoas. 

Manuel María é ,con Rosalía, o máis cantado dos poetas e no programa cultural convócanse algunhas das principais voces que puxeron música aos seus textos. Fuxan os Ventos, Miro Casabella, María Manuela, Uxía, Berrogüetto ou Roi Casal levarán as cancións con versos do escritor á Casa das Hortas na que naceu. Tamén o Mago Antón intervirá nunha xornada cultural na que a poesía, da man de amigos e amigas de Manuel María, terá un espazo especial. 

Durante todo o día realizaranse visitas guiadas á Casa Museo que se converterá nun espazo de referencia para a figura e obra de Manuel María ademais dun centro cultural aberto. 

Comentarios