Cultura

A mostra máis completa da Xeración Nós chegará en outubro ao Gaiás

A segunda grande exposición do Xacobeo 2021 chegará en outubro deste ano, logo de ser adiada por mor da COVID-19. O Gaiás acollerá 'Galicia, de Nós a nós', unha mostra centrada na importancia da xeración Nós e da xa centenaria revista na comprensión da identidade galega nos nosos días.
Detalle da capa da revista 'Nós'.
photo_camera Detalle da capa da revista 'Nós'.

O Museo Centro Gaiás vai acoller a partir de outubro a mostra Galicia, de Nós a nós. Pensada como a segunda exposición do Xacobeo 2021, estaba prevista para finais de maio, mais tivo que ser reaxendada por mor da alerta sanitaria. O tema, como anticipa o nome, vira sobre a Xeración Nós, que suma neste 2020 o centenario.

A nova montaxe sucederá Galicia, un relato no mundo, a exitosa mostra comisariada por Manuel Gago que trouxo pezas transcendentais da nosa cultura como a Santa, de Asorey, ou O libro das invasións.

Agora, Galicia, de Nós a nós proporá "un percorrido desde as orixes da toma de conciencia na Galiza até a situación actual", explica o investigador e membro da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín, comisario da escolma xunto á profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña. O periplo, desta maneira, divídese en cinco partes. 

"A mostra propón un percorrido desde as orixes da toma de conciencia na Galiza até a situación actual", explica Afonso Vázquez Monxardín,

A primeira é a dos "antecedentes", na que atopamos pezas como o documento de entrada de Vicente Risco na RAG, proposto por Manuel Murguía, o que serve como elo para enlazar o grupo co Rexurdimento. De tal modo, explóranse os cambios producidos na toma de identidade e as transformacións da sociedade.

"Protagonistas" céntrase nas figuras nucleares da xeración: Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Lousada Diéguez. Porén, aténdese ademais as varias ondas de persoas que participaron, en maior ou menor medida, na revista, mesmo "os non crentes", di Monxardín, "artistas das vangardas como Seoane ou Cándido Fernández Mazas".

O terceiro bloque fai referencia á dinámica da publicación, desde a súa fundación en Ourense á súa expansión, con atención tamén á forma plástica. A cuarta división pon o foco nas cuestións temáticas tratadas na revista. Por último, a quinta parte, "De Nós a nós", entronca co título da exposición, no que se pretende comunicar, coa determinante relevancia no uso das maiúsculas e minúsculas, "a idea de que os protagonistas de Nós continuaron traballando en calquera circunstancia polo país desde o exilio ou desde a Galiza", di Acuña, deixando unha pegada que chega até os nosos días.

Atopamos dentro desta sección dous bloques, un deles sobre a "memoria de Nós a hoxe", explica Monxardín, que levaría a falar, entre outras moitas cousas, da pegada dos múltiples colexios, prazas e demais elementos nomeados polos protagonistas do movemento. O outro retrata a vinculación "da realidade actual da Galiza cos seus soños", engade, facendo comparativas coa época pasada e o presente en diferentes eidos, como pode ser o dos transportes, ou a prospección de proxectos da xeración en relación á súa situación actual.

Máis alá do libro

A mostra "podería correr o risco de ser excesivamente libresca", advirte o propio comisario, ao tratar sobre un movemento intelectual. Porén, Acuña e el procuraron fuxir do uso exclusivo de cartas e libros en favor da inclusión de pezas que aparecen recollidas na propia revista Nós.

A exposición ofrece tres interactivos, un deles sobre a capa da revista que permitirá deconstruír os elementos simbólicos que ateigan este emblemático compoñente da publicación. Outra atende os mapas do territorio e as súas mudanzas en relación a Nós, mentres un último pon o foco noutro aspecto central, a arqueoloxía, coa reconstrución en realidade virtual dun campamento.

Nós tamén tivo mulleres

Entre as pezas máis destacadas, a exposición traerá de Berlín a tese de doutoramento da lingüista Margot Sponer, figura que chegou a Galiza en 1926 falando galego, aprendido en Alemaña, a onde volvería para presentar en 1935 a primeira tese sobre a nosa lingua. "Fisicamente non é nada, pero o poder simbólico que ten, pola participación da muller e da cultura estranxeira que nos mira", resulta para Monxardín trascendental.

No reducido espazo da mostra hai un esforzo por "salientar a presenza da muller na revista", asegura Acuña

No reducido espazo da mostra hai un esforzo por "salientar a presenza da muller na revista", asegura Acuña. Para alén de Sponer, publican Francisca Herrera Garrido e a irlandesa Annie MacSwiney. Ao carón delas, hai outras cuxo nome non recollen os índices: as recitadoras e contadoras da sección "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza". Hai tamén un empeño por rescatar, por exemplo, as pintoras citadas nun dos artigos, se ben non conseguiron obra de ambas.

Museos pos-COVID

A COVID-19 obrigou a transformar o discurso expositivo nalgúns puntos, concretamente na eliminación de pantallas táctiles, así como no feito de "alixeirar o contido das pezas para facilitar os traslados duns sitios a outros", explican Acuña e Monxardín. Algúns centros aos que se lles pediron materiais tamén se fecharon máis a facer préstamos, nesa situación de incerteza.

Con todo, agradecen a colaboración das múltiples entidades, tanto particulares como institucionais, que colaboraron. Organizada pola Xunta en colaboración coa Deputación de Ourense, prevese que, após o paso por Compostela, teña unha itinerancia na cidade das Burgas en febreiro de 2021.

Alén do galeguismo "A xeración Nós é un motor de identidade cultural enorme, que transcende con moito a importancia política do movemento galeguista", expresa Monxardín. Se este conseguiu nos seus mellores momentos 3 deputados de 48, "a nivel cultural gañaron a partida, porque hoxe considérase a lingua como fenómeno de identidade global", argumenta o profesor. A vontade de traballo e de irmandade uniu ademais persoas de tendencia política moi distinta na causa que lles era común: a da Galiza

Comentarios