domingo 23/01/22

“Morriña”, a película que fixo feliz á actriz arxentina Esther Goris

“Hoxe foi a noite máis feliz da miña vida na profesión”, dixo actriz arxentina, filla de galegos, Esther Goris despois da estrea esta segunda feira no 28 Festival Internacional de Cine de Mar de Plata do seu primeiro filme como directora. En “Morriña. Nostalgia de la tierra natal”, un dos nomes máis recoñecidos das artes escénicas na Arxentina atópase coa súa condición de filla da emigración galega. 

Morriña
Morriña

Nas imaxes que a propia Esther Goris publicou na rede como promoción da súa primeira película como directora sorprende o pronunciado sotaque galego da nai. Na conversa entre nai e filla, aberta e sincera, entremestúranse as imaxes de Galiza e o seu encontro coa Arxentina de destino. Cunha exitosa traxectoria no cine e o teatro, na que o seu nome se popularizou coa interpretación de Evita na película de Juan Carlos Desanzo en 1996 e á que ese foron sumando títulos como Los enemigos, Años rebeldes ou El día que Maradona conoció a Gardel con Jorge Perugorría, a actriz lánzase á dirección cun filme persoal, autobiográfico mesmo, no que se achega á inmigración desde o seu propio relato familiar.  

“A idea de dirixir unha película sobre os inmigrantes comezou a rondarme con tanta obstinación que non tiven máis remedio que facela. Decidín contala en torno a Rosalia e Severino, os meus pais: dous labregos galegos que como tantos outros se lanzaron a este continente mítico en busca dun destino posible”, explica Esther Goris, do inicio dun proxecto que se atopou por vez primeira co público esta segunda feira no 28 Festival Internacional de Mar de Plata. 

Porén, o proxecto muda ao morrer seu pai na Galiza, poucos días antes do inicio da rodaxe en Arxentina. “Horas despois de seu enterro decidín comezar de todas maneiras a película. E como meu pai xa non podía, a interlocutora de miña nai fun eu”, sinala a directora que participa tamén no documental, na conversa íntima e á vez pública coa súa nai. 

O título, na lingua da nai

“Falei con ela varios dias diante dunha cámara: o resultado é este relato íntimo, biográfico, a miúdo autobiográfico. Porque amén dos aconteceres políticos e sociais que atravesaron un século, queda exposta aquí a trama pequena e ordinaria que entreteceu unhas vidas: as de meu pai e miña nai. Mais tamén a miña”, explica Esther Goris deste filme no que conservou o título en galego, lingua que se intúe familiar na fala marcada da nai. 

Actriz, escritora e guionista, Esther Goris ten unha longa e exitosa traxectoria no cine, no teatro e na televisión da Arxentina. Entre outros traballos foi guionista de Ni Dios, ni patrón, ni marido, na que se narra a historia dun grupo de obreiras anarquistas que deron vida ao diario feminista La voz de la mujer, interpretou a Coco Chanel no teatro, a Evita no cine e escribiu a biografía de Ágata Galiffi. En teatro dirixiu tamén El otro sacrificio, da que ela mesma é autora. 

“Nunca, en anos de profesión, tiven un día máis feliz que o de hoxe na estrea de “Morriña”. Se non fora polo público... que sería de nós?”, escribe Goris na súa conta de twitter despois da estrea no Festival Internacional de Mar de Plata, do que saíu, segundo di, “coas risas e as bágoas dos espectadores na proxección”. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

“Morriña”, a película que fixo feliz á actriz arxentina Esther Goris
comentarios