venres 30/10/20
Cultura

'Mondoñedo é poesía' celébrase en virtual porque "ningún virus pode matar a poesía"

A edición de 2020 homenaxea a poeta Luz Pozo Garza
Detalle do Tendal das Letras de 2019, elaborado polo alumnado do IES San Rosendo (Mondoñedo).
Detalle do Tendal das Letras de 2019, elaborado polo alumnado do IES San Rosendo (Mondoñedo).

A sétima edición do recital poético-musical Mondoñedo é poesía vai ser este 2020, por forza, virtual. A organización decidiu manter actividades coa mesma data: o 1 de maio, Día das Quendas, festa coa que a vila celebra cada ano a entrada da primavera. Ofrecerán así, ás 16 horas, unha retransmisión, aínda que desta volta "as rúas, prazas e auditorios mindonienses teremos que imaxinalos", advirten.

"Nunca imaxinamos un recital nun escenario infectado de todas as ausencias", confesan co anuncio da peculiaridade desta edición. Estrañarán o "aplauso entusiasta" desa audiencia "fiel e numerosa" cara a que queren manifestar o seu agradecemento. Así mesmo, móstranse seguros de que "ningún virus, nin esta COVID-19 nin outro capaz de enfermar o mundo, poderá matar a poesía".

Mondoñedo é Luz

A edición deste ano vai ir especialmente dedicada a Luz Pozo Garza. A poeta foi convidada ao festival en 2015, mais unha circunstancia persoal impediríalle asistir. De novo, "un contratempo acontecido o pasado 20 de abril quixo interpoñerse e negarlle a posibilidade de acompañarnos. Desta, equivocouse o deus do destino", afirman con tristura. Con todo, saben que a escritora "é e sempre será poesía" na nosa memoria, polo que a súa figura vai iluminar "esta edición tan estraña e insospeitada".

Serán 24 as creadoras reunidas, entre elas poetas e músicos como Iolanda Aldrei, Chus Amieiro, Caxigueiro, Marta Dacosta, Míriam Ferradáns, Mª Xosé Lamas, Martiño Maseda, Rebeca Maseda, Juan Carlos Mestre, César Morán, Olga Novo, Henrique Rabuñal, Manuel Rivas, Lorena Souto, Paloma Suanzes, Eva Veiga ou Eduard Velasco. Acompañarán as lecturas dos poemas e interpretacións musicais, imaxes coa lembranza dos carteis e publicacións que ilustraron as seis edicións anteriores en agradecemento aos colaboradores gráficos e ao resto de persoas implicadas. 

comentarios