Moita xente, imaxinación e propostas no encerramento do quinto Culturgal

Se o Culturgal é o observatorio da cultura galega, despois dos tres días de feira en Pontevedra a radiografía daría un público interesado e dinámico, imaxinación para novas propostas, dificultades económicas en tempo de crise e unha especial tendencia ás iniciativas culturais para a xente miúda.
Imaxe do Culturgal
photo_camera Imaxe do Culturgal

Que unha parte importante do público do Culturgal ten menos de doce anos fica á vista con só pasear polos corredores do recinto feiral de Pontevedra en calquera dos tres días que a cultura galega se puxo á vista na cidade. De maneira máis evidente tamén que en anteriores edicións, mostrouse como a industria cultural atopa no público de menor idade un dos seus principais destinatarios e os máis acaídos para dar un chimpo sobre este tempo de crise e redución do consumo cultural.

Compañías de teatro, iniciativas musicais e editoriais viraron a súa producción para as máis pequenas, en especial nestas datas previas a Nadal en que o consumo tamén se orienta cara ás e aos máis pequen@s. Tanto na programación como nos productos culturais, a xente miúda foi a destinataria privilexiada deste Culturgal, en relación coa nova realidade das industrias nun tempo de crise en que as institucións e entidades manteñen espectáculos infantís diante dun descenso da programación para adultos e o comercio ve como libros e discos para nen@s manteñen de forma inusual o índice de ventas mália a crise. O Apalpador en distintas versións -teatro, libros ou mesmo monecos- foi a figura máis repetida nos distintos postos da feira.

O público foi, para a organización, o maior éxito desta convocatoria, ao dicir do presidente da Asociación Culturgal, apoiou o proxecto “primeiro, asistindo, e despois, implicándose economicamente nun tempo tan complicado e mercando produtos que ofrecen as empresas expositoras”.

Representantes dos distintos sectores presentes na feira confirmaron tamén a consolidación do evento nesta súa quinta edición, unha mostra de propostas dos distintos ámbitos culturais que, desta volta, tamén reafirmou o seu espazo de relevancia como lugar de encontro, debate e formación para profesionais dos distintos sectores da cultura. Debates e mesas redondas puxeron sobre a mesa os principais temas e problemáticas ás cales se enfronta a nosa cultura nun momento de cambio e recolocación.

Alén da nutrida presenza infantil con programación especializada, o Culturgal serviu para achegar o público ás principais novidades da nosa cultura, desde un novo Cantos na Maré, até o Womex 2014 que terá lugar na Galiza pasando pola sempre aplaudida presenza dalgúns d@s nos@s principais autor@s como, Manuel Rivas ou Agustín Fernández Paz, que conseguiron un auditorio completo na última xornada da feira.

Comentarios