O “misticismo ateo” de Gonzalo Hermo, premio Afundación de poesía

A vida salvaxe éo de dúas maneiras. Unha, porque nos poemas que compoñen o libro a natureza está presente. E dúas, “porque a vida é salvaxe, é violenta”. Con esta obra, Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) vén de se facer co 16ª premio Afundación.
 

poeta gonzalo hermo
photo_camera O poeta Gonzalo Hermo. Foto: cedida.

“A vida salvaxe ofrece desde a sobriedade e a contención un regreso á natureza”, considerou o xurado do galardón, “ que incopora o autobiográfico e o metapoético. Entronca con poéticas abertas na creación contemporánea tanto na súa procura do salvaxe como no recurso dun misticismo estético”.

Ao fío da resolución do certame, Hermo explica a Sermos que si, que efectivamente se recoñece en certo misticismo. “Pero directamente un misticismo ateo”, puntualiza. Lecturas dos metafísicos ingleses -poetas do século XVII como John Donne ou George Herbert-, aos que chegou a través de José Ángel Valente, axudárono na empresa.

“Que pode aprender do misticismo unha persoa coma min, atea desde que teño uso de razón?”, pregúntase, e el mesmo responde: “Amosar abraio ante o mundo, ante que exista o mundo”. A procura dunha ollada limpa, ao cabo, como vía para a poesía. En que outra lectura, a do poeta grego Giorgos Seferis (1900-1971), tamén resultou decisiva.

“Agora mesmo, se fose un poeta sería Seferis. Foi moi importante para este libro”, di. Un libro dalgún xeito relacionado con Celebración (Apiario, 2014), a súa recoñecida segunda obra -foi premio Nacional de Poesía Moza do Ministerio de Cultura: “En Celebración había un símbolo, o bosque. A proposta na Vida salvaxe é entrar nese bosque”.

As escritoras que decidiron a 16ª edición Afundación -convocado pola entidade e mais o Pen Clube, con apoio da Xunta- foron Alba Cid, Estíbaliz Espinosa -que gañou o pasado ano con as neuronas irmás-, Xosé Ramón Pena, Xabier Castro -secretario do xurado- e Luís González Tosar -presidente do xurado. Dotado con 6.000 euros, o certame implica a publicación do traballo gañador na colección Arte de Trobar. No caso da Vida salvaxe, será antes de fin de 2018.

Comentarios