CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Misión Imposíbel V'

Andrés Castro achéganos a última entrega, e van cinco, do filme por excelencia de Tom Cruise. 

Misión imposible

Mission: Impossible – Rogue Nation
(Estados Unidos 2015, 131 min.)
Dirección e guión: Christopher McQuarrie
Fotografía: Robert Elswit
Música: Joe Kraemer
Elenco: Tom Cruise, Rebecca Ferguson, Sean Harris, Simon Pegg, Jeremy Renner, Alec Baldwin, Ving Rhames, Simon McBurney, Tom Hollander, Jens Hultén, Hermione Corfield, Nigel Barber, Robert Maaser, Wolfgang Stegemann

SINOPSE
A Forza de Misión Imposíbel é desmantelada da rede de servizos de intelixencia estadounidenses e se emite unha orde de busca e captura de Ethan Hunt (Tom Cruise). Todo forma parte dun elaborado plan dunha sociedade segreda que leva anos manexando desde a sombra o destino do mundo. Ethan Hunt terá a dobre misión de limpar o seu propio nome e capturar ao líder da organización. 

CRÍTICA 
Quinta entrega da saga de Misión Imposible de Tom Cruise e segunda producida, tamén, por J.J. Abrams. Si, o mesmo que “actualizou” Star Trek (para desgraza dos trekies) e o mesmiño que está a piques de estrear o sétimo episodio de Star Wars (no que esperemos non repita os erros de Star Trek). Pois ben, nesta Misión Imposible toca unha vez máis que Ethan Hunt, esa mestura de James Bond e Jason Bourne, deba enfrontarse a un perigoso inimigo que dirixe unha organización que está sementando o caos no mundo. 

Desta volta terá ademais que limpar o seu nome perante a súa propia axencia FMI (Forza de Misión Imposible) e, de paso, volver a reinstaurala tras a súa supresión e inclusión forzosa dentro da CIA (Centro de Investigación Aeroterr... digo Central Ingelligence Agency). Nada novo no horizonte salvo que hai menos uso de máscaras (para que, se Cruise leva tanta maquillaxe e/ou botox que xa parece que leva careta), moito máis humor (grazas a presenza do británico Simon Pegg, moi habitual xa neste tipo de papeis de alivio cómico) e unha historia máis próxima á serie orixinal (coa incursión, por fin, da mítica organización do Sindicato que aparecía nas últimas temporadas do serial televisivo). 

"Atención á secuencia de apertura, que sae directamente da trama de Protocolo Pantasma"

Por suposto, Tom Cruise segue facendo el mesmo a maioría das escenas de acción xa sexa pendurado no ar a centos de metros, conducindo motos, coches, saltando ao baleiro e levando todo tipo hostias... Todo el. Tampouco podía faltar Ving Rhames, o único, xunto con Cruise, que aparece en todas as da saga. Repite tamén, tras Protocolo Fantasma, Jeremy Renner (Os Vingadores, O legado de Bourne) que se antolla sucesor natural de Hunt, sobre todo porque para a sexta parte (si, hai proxecto de que a cousa continúe) tamén contan con el. 

Como malo malísimo temos a un Sean Harris (Prometheus, Macbeth) que, por dicilo dunha maneira suave, non supera a ningún dos malos anteriores. Destaca a colaboración estelar de Alec Baldwin como xefe da CIA, con certa reminiscencia ao rol de Jack Ryan que interpretara en A caza do Octubre Vermello e que, pese a que non sae moito, merendase ao resto do elenco en cada plano que aparece. A presenza feminina ven da man da sueca Rebecca Ferguson (vista na serie da BBC The White Queen) con aires entre mata-hari e Ingrid Bergman. De feito este parecido está buscado, xa que interpreta a unha axente dobre do MI-6 chamada Ilsa Faust, en claro homenaxe a Ilsa de Casablanca e, por riba, parte da traba desenrólase na cidade de Casablanca e, por se non quedaba clara a homenaxe, unha das conversas que manteñen Hunt e Ilsa seméllase poderosamente á de “sempre nos quedará París”. 

MIMais non é nin moito menos a única homenaxe. Outra bastante evidente e a secuencia hitchcockiana da Ópera de Viena que bebe directamente de O home que sabía demasiado. Por certo unha das partes mellor elaboradas do filme xunto coa da persecución das motos. Atención tamén á secuencia de apertura, que sae directamente da trama de Protocolo Pantasma. Pura adrenalina a lombos dun avión con interruptus de títulos de crédito incluído sobre os coñecidos acordes de Lalo Schifrin, que nos deixa coa mel nos labios e gañas de máis... 

Máis acción, máis ritmo e moito máis sentido do humor fan de Nacion Segreda un máis que destacable episodio da saga (o cal tampouco é difícil) e supón un agradable entretemento de evasión... A quen guste das teorías conspiranoicas resultaralle un pouco sospeitoso que os “bos” sexan do FMI e os “malos” os do Sindicato. Os primeiros loitan por manter todo tal e como está e os segundos pelexan por cambiar as cousas. Sospeitosa coincidencia de nomenclatura que seguramente sexa mera casualidade... inda que vindo dun líder da ciencioloxía cun ego tan grande, penso que non puido evitar introducir na trama o ideario ultracapitalista conservador do que fai ostentación. Esta mensaxe se autodestruirá en 5 segundos... 

Comentarios