Miro Casabella recibe unha homenaxe colectiva no seu Valadouro "por ceibar a voz"

A ovación prolongouse durante máis de dez minutos. Miro Casabella viña de intervir na homenaxe colectiva que lle renderon no seu Valadouro “por ceibar a voz” e a duración das palmas era a medida do recoñecemento do seu papel no mundo da canción galega. 

.
photo_camera .

No Valadouro, a súa vila natal, a homenaxe a Miro Casabella prolongouse durante toda unha xornada de emoción e recoñecemento, promovida por distintas asociacións culturais da comarca co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. No aire pairaba a negativa do PP a nomealo fillo predilecto do seu concello, mais só pairaba. A multitudinaria participación nos actos, o recoñecemento da veciñanza e a emoción co que o músico foi aclamado botou unha lousa sobre aquel episodio que tivo como consecuencia un maior entusiasmo na homenaxe. 

“Por ceibar a voz” foi o título escollido para os distintos actos que chegaban este sábado día 5 de xullo á xornada central, cun programa que comezaba pola mañá coa inauguración dunha placa na súa casa natal, continuaba cun xantar no que participaron máis de duascentas persoas e na que se realizaron varias intervencións de amigos e figuras do mundo da cultura e tiña como ramo, obrigado neste caso, un concerto colectivo que ía pechar o propio Miro Casabella. 

Música para a democracia

“Con esta homenaxe a Miro Casabella estamos pondo en valor a labor de recuperación democrática e de pensamento galeguista e nacionalista ao que contribuíron figuras da canción galega na época do tardo franquismo e a chamada transición”, destacou o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, ao colocar a placa na casa natal do homenaxeado na Praza de Santa María, en Ferreira do Valadouro diante da presenza do propio Miro Villar. 

Amado Lar, Liga Céltica Galaica e O Mundo de Galea, de O Valadouro; Aventados, de San Cibrao; Buril, de Burela; Casa Hamlet, de A Coruña; Francisco Lanza, de Ribadeo, Irmandade San Caetano, de Celeiro de Mariñaos; Mariñapatrimonio, Ollomao, de Barreiros; Os Castros, de Cangas; e Pensamento e Sementeira, de Viveiro foron os colectivos que participaron na homenaxe á que asistiron do mundo da cultura, entre outras figuras, Manuel Lourenzo -membro do comité organizador- Ramón Reimunde, Tareixa e Marica Campo, Lois Diéguez, Adela Figueroa, Caxigueiro ou Celso Dourado. 

Canción protesta para un tempo como o noso

Vicente Araguas, Lois Diéguez, Manuel Lourenzo, Arturo Mogo ou David Otero foron algúns dos que participaron no xantar que se desenvolveu no parque, no que se repartiu o libro-CD biográfico de Xan Fraga titulado  ‘Miro Casabella e a nova canción galega’.Case todos os participantes leron poemas dedicados ao cantor e algún mesmo se botou a cantar. Miro Casabella citou na súa intervención nomes de artistas,  escritores ou músicos de distintas épocas que tiñan presenza na súa traxectoria. En distintas ocasións saíu a negativa do PP de recoñecelo como fillo predilecto do Valadouro e destacouse que Voces Ceibes tiña nacido nun tempo con grandes semellanzas co actual polo recorte de dereitos e liberdades. 

O concerto que tiña como lema o título da homenaxe, “Por ceibar a voz“ xuntou na Praza de Ferreira, a artistas como A Quenlla, Arcadio, Bieito Romero, de Luar na Lubre, David Bellas, García e Leo, Quintas Canella, Tino Baz e Pilocha, ademais do propio Miro Casabella que pechou o acto. 

Comentarios