Contracultura

Miriam Rodríguez: "Busco unha terceira narrativa: as imaxes din unha cousa, o texto outra e ao xuntalas hai un diálogo"

Miriam Rodríguez (Mos, comarca de Vigo, 1984), vén de ser galardoada no Certame de Curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) pola súa peza Arden as bruxas, realizada a partir do poema homónimo de Paula Carballeira.
A artista Miriam Rodríguez crea pezas de videopoesía (Foto: Nós Diario).
photo_camera A artista Miriam Rodríguez crea pezas de videopoesía (Foto: Nós Diario).

—Como chegou a presentar esta peza ao certame da AS-PG?
A compañía de teatro Berrobambán ten un novo espectáculo, Hai quen escolle os camiños máis longos, baseado nun poemario de Paula Carballeira. Pedíronnos a tres videoartistas que escolléramos un texto de todo o poemario e que fixéramos unha peza para promocionar a obra. Eu escollín este texto porque me gustaba a dobre narrativa que lle podía dar: a cuestión feminina e a medioambiental. Eu xa me presentara varias veces ao certame da AS-PG con bos resultados. Penso que é dos poucos espazos onde se permite presentar este tipo de pezas que non encaixan totalmente dentro da curta.

Precisamente na entrega de premios salientaron as posibilidades que había á hora de mesturar formatos e incluso texto. É un certame moi libre e, polo tipo de pezas que acostumo facer, penso que acae moi ben ao meu estilo. Estou moi enfocada na videopoesía, encántame ese diálogo que se crea entre os poemas e o vídeo.

—Non hai oco para a videopoesía?
Quizais faltarían máis certames nos que encaixen estilos tan diferentes. Creo que nos centramos moito na curta e en determinados xéneros, mais queda moito por explorar no cinema ou no vídeo experimental en xeral. Que pode ser que existan e eu non me estea dando de conta, mais si que creo que existen menos dos que deberían porque tamén hai moita máis demanda do que se pensa.

A min gústame traballar neste campo, polo que as formas que eu teño de sacar as cousas adiante é a través de pedidos concretos que me fan determinadas entidades ou compañías, ou simplemente para min, pero non hai tantos certames aos que eu me poida presentar facendo o que fago. 

—Como valora entón este certame?
É importante remarcar o labor da AS-PG porque neste certame convives cos centros de ensino, ves o que fan os pequenos e é moi interesante velo. Agora que estamos co tema das TIC, o feito de incluír outro tipo de metodoloxías e fomentar a creatividade é moi importante. E por outra banda, no que respecta á categoría xeral, as veces que eu me presentei sempre alucinei porque ves cousas que logo non están en ningunha parte, que se esfuman porque é moi difícil visibilizalas. É unha mágoa porque parece que esa peza morre aí. Que ao mellor non é o meu caso con Arden as bruxas, mais si que o é doutras pezas que pasaron por aí.

Son pezas que quedan no limbo e non se amosan porque non existe un circuíto para facelo, e iso é o que me dá pena. E non o digo só polo meu traballo, porque a min encántame facer videopoesía, mais tamén me gusta moito vela e non hai moitos espazos aos que poida acudir para facelo a pesar de que hai moitas persoas facendo cousas. Mais, como dicía antes, ao non ensinarse, parece que non hai demanda. E falo da videopoesía porque é o meu, mais creo que se pode aplicar en xeral ao vídeo experimental. 

—Partindo dun texto alleo, como é o proceso de crear estas pezas?
Neste caso, algunhas das gravacións xa as tiña. Son do monte queimado de cando houbo os incendios tan grandes en 2017 arredor de Vigo e despois funas tratando para darlles un aspecto máis antigo. Utilicei moitas destas imaxes precisamente por ese xogo que quería facer entre o feminino e o medioambiental. Tamén é certo que me gusta que non haxa moitas cousas claras cando fago os vídeos, gústame mesturar moitas cousas e ir construíndo capas, tanto física como literalmente. Xogo moito co cíclico, co bucle. 

E o certo é que tiven que borrar e refacer moitas veces o vídeo ao longo de todo o proceso creativo. Intento que entre o texto e as imaxes se cree outra terceira peza, porque estas imaxes poden ter ou non relación co texto. O que me gusta e o que intento, aínda que non sempre se consegue, é crear unha terceira narrativa: as imaxes din unha cousa, o texto outra e cando se xuntan hai un diálogo a maiores. 

Comentarios