O Ministerio de Cultura premia o labor de 15 bibliotecas galegas

O Goberno do Estado destaca as propostas presentadas polos concellos de Ares, Carballo, Miño, Oleiros, Ortigueira, Verín, Barbadás, Cenlle, Esgos, Guitiriz, Sober, O Grove, Cambados, Soutomaior e Catoira
Biblioteca Rego da Balsa, en Carballo.
photo_camera Biblioteca Rego da Balsa, en Carballo.

O Ministerio de Cultura vén de premiar dezaseis proxectos de animación á lectura presentados por bibliotecas públicas municipais da Galiza nos Premios María Moliner deste ano. Estes galardóns son concedidos polo Ministerio en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e están dirixidos a propostas presentadas por bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes.  

O concurso ten por obxectivo premiar aquelas bibliotecas de municipios que leven a cabo un proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecario, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías nas bibliotecas. 

O programa presenta unha grande importancia estratéxica no acceso ao libro e a lectura, xa que aproximadamente a metade da poboación do Estado reside en municipios de menos de 50.000 habitantes. 

A campaña segue, segundo o Ministerio de Cultura, o ideal da propia María Moliner: que calquera lectora ou lector, en calquera lugar, poida conseguir o libro que lle interese. 

As bibliotecas municipais de Ares (Ferrolterra), Carballo (Bergantiños), Miño (As Mariñas), Oleiros (comarca da Coruña), Ortigueira (Ortegal), Barbadás e Esgos (comarca de Ourense), Cenlle (O Ribeiro), Guitiriz (A Terra Chá), Sober (Terra de Lemos), O Grove e Cambados (O Salnés), Soutomaior (comarca de Vigo) e Catoira (comarca de Caldas) repartiranse 41.580 euros a razón de 2.772 euros por biblioteca e proxecto. A de Verín (comarca homónima) gañou dous premios por dous proxectos.

Comentarios