Contracultura

Miguel Varela: "Queriamos contribuír a pór en valor a biblia que para nós representa o libro Terra de Melide"

Miguel Varela é o actual presidente da Asociación Cultural e Musical Herba Grileira, a impulsora do disco As músicas da Terra de Melide no que se pon melodía a algúns temas recollidos no volume editado polo Seminario de Estudos Galegos. Varela aborda o xurdimento deste proxecto así como o proceso de gravación coa finalidade de facer, como el di, “unha representación do que hai na obra orixinal”.
O profesor de baile fai parte da Asociación Cultural e Musical Herba Grileira, que vén de sacar disco (Foto: Nós Diario).
photo_camera O profesor de baile fai parte da Asociación Cultural e Musical Herba Grileira, que vén de sacar disco. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu As músicas da Terra de Melide?
O libro Terra de Melide é un estudo multidisciplinar desde a xeografía, a historia, a etnografía, a arqueoloxía, a literatura oral ou a música da comarca da Terra de Melide publicado en 1933. Foi un estudo exhaustivo que partiu da iniciativa do Seminario de Estudos Galegos a comezos do século XX e grazas a persoeiros como Vicente Risco, Xesús Bal e Gay ou Eduardo Torner. A causa da Guerra Civil só se chegaron a editar tres volumes destas excursións científicas de estudo da xeografía galega, sendo este o máis completo, polo que se converteu para nós nunha obra de referencia. 

En 1978, Isaac Díaz Pardo promoveu a súa reedición e máis recentemente, en 2017, volveuse facer, neste caso por iniciativa popular. A raíz desta segunda reimpresión xurdiunos a curiosidade por investigar a parte relativa ao folclore musical, tamén para contribuír a pór en valor a biblia que é para nós o Terra de Melide.

No libro hai moito material: alalás, cantos de Nadal, cantigas de berce, muiñeiras e numerosísimas coplas de amor, desamor, desafío, romances... Hai repertorio instrumental e cantado e até representación dalgún baile. Así, arranxamos e musicalizamos algúns temas e en 2018 fixemos unha primeira gala con traxes de época.

Tivo tan boa acollida que a xente animounos a facer unha segunda gala a comezos de 2019. Nese punto, vendo o material que tiñamos traballado, xurdiu a idea de plasmalo nun disco, mais como moitas cousas a pandemia acabou por atrasalo e até este ano non puidemos entrar no estudo para levar a cabo as gravacións. Por sorte, puidemos presentalo o pasado 17 de decembro nunha gala na que tamén nos vestimos de época e o proxecto volveu ter éxito e repercusión. 

—Como foi o proceso de escoller os temas que se ían incluír no disco?
Neste traballo participaron arredor de sesenta persoas que forman parte da escola de música ou que son amizades que quixeron colaborar cos seus instrumentos. En primeiro lugar, á hora de escoller os temas, fixámonos no material que había, porque nalgúns casos había certas transcricións en partituras que aportaban liñas melódicas, mais noutros era complicado interpretalo dunha forma que non fose persoal.

Por outra parte, pensabamos precisamente nos instrumentos que tiñamos na propia escola ou cos que podíamos contar a través desas colaboracións que comentaba, porque nestes temas hai gaita, percusión, acordeón, voces, saxofón, zanfona, clarinete, violín...

E xa por último entraba a cuestión do gusto; evidentemente había melodías que nos gustaban máis que outras, mais tamén queríamos pensar no que podía chegar máis a xente ou nas melodías que daban máis de si, porque nós quixemos tamén aportar e escollemos algunhas que se prestaban máis a facer arranxos propios.

Por isto, tamén intentamos que houbese unha certa diversidade e que os nove temas que compoñen este traballo discográfico fosen unha representación do que hai na obra orixinal: hai un alalá, unha muiñeira, unha xota, unha cantiga de berce... 

—Onde se poden escoitar estes temas?
Durante as festas de Nadal quixemos parar en certa maneira aproveitando que tamén tiñamos vacacións na escola, non obstante, puxemos o disco á venda en varios estabelecementos de Melide e abrimos as encargas a través do noso correo electrónico e das nosas redes sociais.

En xaneiro, coa volta das vacacións, a idea é retomar a promoción do disco a través dalgunhas accións que temos pensadas e, sobre todo, subir os temas ás plataformas dixitais e inclusive levar a cabo a gravación de videoclips para algunhas das cancións coa intención de mover o traballo polas redes.

Comentarios