Un proxecto aberto a todas as persoas

Miguel Ángel Font, cineasta: “Quero facer á xente con discapacidade invisíbel cando vai ao cine”

“Un día dinme conta de que estabamos a deixar fóra ás persoas con discapacidade”, di o cineasta valenciano, que participa mañá na primeira edición de Cinemabeiro na Coruña, sobre a orixe do seu novo enfoque laboral. Nesta Mostra Internacional de Cinema pola Paz e a Non Violencia amosará algunhas das súas pezas creadas para e desde a inclusión.

 

cine, festival, cinema inclusivo, director
photo_camera O director de cinema Miguel Ángel Font, que estará mañá na Coruña. (Foto: Nós Diario)

“Quero tombar barreiras; facer á xente discapacitada invisíbel cando vai ao cine e facer que todo o público sexa igual”. A priori a afirmación do director Miguel Ángel Font Bisier parece ir pouco acorde coa idea da inclusión que promove a I Mostra Internacional de Cinema pola Paz e a Non Violencia, Cinemabeiro, que decorre a partir desta sexta feira na Coruña. Mais é todo o contrario: a pretensión é que ninguén sexa sinalado por ter unhas capacidades diferentes, que cando a luz queda apagada na sala todas as espectadoras partan do mesmo punto, sen prexuízos.

Pode haber algo máis inclusivo que asumir a inclusión como un acto cotiá máis e non darlle ningunha importancia? É, quizais, parte da concepción do traballo que Font comezou hai cousa de tres anos.

Até entón, até que un día reparou en que “no meu traballo como comunicador e cos medios actuais estaba deixando fóra persoas con discapacidade sensorial”. Operaba cun “método tradicional” de darlle vida aos proxectos culturais visuais sen pensar na diversidade.

Desde ese preciso momento en que se lle pasou pola cabeza a problemática, apostou en repensalo todo para “non cerrarlle ás portas a ninguén e menos nun momento coma este”. A idea podía ficar nun avance na accesibilidade, pero na súa faceta creativa pensou que había que dar o paso de estruturar os contidos “dunha maneira máis plural”.

Un equipo con diferentes puntos de vista

Foi como ao seu equipo de traballo se incorporaron de forma activa persoas con capacidades diferentes para cubrir todas as perspectivas posíbeis. Por exemplo, na produción dun documental que proxectará no museo Domus da Coruña mañá á noite -xunto cunha curtametraxe e tamén participará nun coloquio- participaron persoas con “dano cerebral, xordeira, cegueira, distrofia física...”.

A idea podía ficar nun avance na accesibilidade, pero na súa faceta creativa pensou que había que dar o paso de estruturar os contidos “dunha maneira máis plural”

Grazas a estas colaboracións e a un estudo intenso por parte do tamén escritor comezaron a aparecer linguaxes que fan máis sinxelo gozar do cine a persoas con certas discapacidades pero que, ao mesmo tempo, non afectan ao fío argumental nin á calidade das historias.

Non fala de inclusión como o fan filmes como Campeones, achega ese tratamento por igual a través de estratexias case imperceptíbeis en iniciativas que van desde o cinema de terror até os documentais, pasando polas curtametraxes tecidas con mimo para un público infantil.

“Coa dirección de arte comezamos a pensar en que houbese un son cada vez que aparecese unha personaxe, para que as persoas con xordeira as identifiquen”, revela, como un exemplo sinxelo. Tamén xogou coas cores nos seus actores e cada un ten subtítulos nun ton, que ademais vai aparellado a un complemento da mesma cor que loce cada protagonista da trama.

Un descubrimento con maior percorrido

Ao final “son unhas caixas dentro doutras, e esas dentro de outras, e así...”, reflexiona sobre como evolucionou o proceso. Porque se nas orixes era máis mirar a accesibilidade que a inclusión, logo foi a inclusión e, agora, as súas ferramentas poden chegar a todo tipo de públicos para os que non foran pensadas.

A meta é “comunicar de outra maneira”, con linguaxes máis amplas, para seren universais

“A unha avoa pódelle axudar a seguir a película que estea subtitulada, alguén con problemas cognitivos pode valerse das estratexias pensadas para a xordeira...”, e mesmo alguén pode aprender idiomas con esta simboloxía tan sinxela e, á vez, tan valiosa.

Desde que a súa nova concepción de ver o audiovisual transcendeu, Font atendeu a numerosas administracións públicas e organizacións pero coida que o sector do cinema ten que ir un paso máis aló.

Non quedarse só no obrigatorio

Si el revisitou proxectos antigos este verán da man “dunha estudante da Galiza” para investigar se as ferramentas poden incorporarse a esas cintas, pensa que tamén hai que ser quen de non quedan “só na accesibilidade, que xa é algo que manda a lei, senón ir ao inclusivo, que é o salto maior”.

A meta é “comunicar de outra maneira”, con linguaxes máis amplas, para seren universais.

Comentarios