luns 19/04/21

A MICE estrea 'Os corpos', de Eloy Domínguez

A MICE afronta a súa penúltima xornada desta edición coa estrea, na Galiza, da curtametraxe Os corpos, do galego Eloy Domínguez Serén.
OS-CORPOS3
Fotograma da curtametraxe 'Os corpos' de Eloy Domínguez. (Foto: Nós Diario)

Na xornada da sexta feira, 9 de abril, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), en Compostela, acolle a estrea na Galiza da curtametraxe de Eloy Domínguez Serén Os corpos. Unha peza que “filma de modo envolvente os festexos e o ambiente do Entroido ourensán”. 

Centrado nas tradicións de Laza e Maceda, o traballo de Eloy Domínguez estreouse no Festival Internacional de Documentais (IDFA) de Amsterdam e xa competiu no festival Curtas Clermont-Ferrand e no Festival Internacional de Cinema (FIC) de Xixón.

A proxección na MICE terá lugar ás 20 horas, no Teatro Principal, e encargarase de presentar a peza o director,  Eloy Domínguez, xunto á produtora Beli Martínez de Filmika Galaica. Despois da proxección haberá un coloquio con parte dos protagonistas da curta. 

Neste penúltimo día da MICE, da Sección Oficial vanse proxectar tamén as pezas A miña terra, presentada polo seu director, Santiago D. Risco, e Notas sobre a habitabilidade na Barca, do colectivo Cinema Semente, que estará representado por Paloma Hernández e Andrés Fernández. Ambas as dúas decorrerán na Sala Numax ás 17.30 horas.

Tamén forma parte da Sección Oficial o filme Como el viento, de Raquel Ruiz, que se proxecta ás 17 horas no auditorio do Museo do Pobo Galego, e o documental Hostal España, de Chus Domínguez, Inma Álvarez e as traballadoras e residentes do hostal que lle dá nome. A proxección, de estrea, será as 19 horas no mesmo espazo.

E ás 18 horas estréase tamén Poto e Cabengo, de Jean Pierre Gorin, onde se conta a historia de dúas xemelgas que inventaron a súa propia linguaxe. A proxección decorrerá no Teatro Principal.

Talleres formativos

Esta sexta feira dá comezo, ás 16 horas, o obradoiro de Adriana Vila Guevara, "Da investigación á creación biográfica", que se enfoca en achegar unha variedade de métodos, recursos e cuestionamentos de base etnográfica, cinematográfica e creativa, para a aproximación ao labor de comprensión do outro ou da outra.

E ás 16.30 horas terá lugar o encontro "A comunicación de eventos cinematográficos na Galiza", promovida polas plataformas profesionais Proxecta e CREA. Unha mesa moderada polo cineasta Xoán Escudero e para a que se conta coas xornalistas Andrea Villa, María Yáñez e Jesús Silva.

comentarios