Contracultura

Vicente Blanco: "A metodoloxía do Laboratotio de formas rural é a da pedagoxía creativa do lugar"

Vicente Blanco (Compostela, 1974), coordinador do colectivo Escola Imaxinada, é un dos promotores do proxecto O laboratorio de formas rural, xunto con Salvador Cidrás e Estella Freire. Esta iniciativa é unha das 20 seleccionadas na última convocatoria do programa Art for Change, unha iniciativa impulsada e financiada pola Obra Social La Caixa.
O laboratorio de formas rural nace da man de Vicente Blanco, Estella Freire e Salvador Cidrás. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O laboratorio de formas rural nace da man de Vicente Blanco, Estella Freire e Salvador Cidrás. (Foto: Nós Diario)

—En que consiste O laboratorio de formas rural?
Salva e eu somos artistas plásticos e Estella é arquitecta. Os tres traballamos na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC. Por isto, todos temos unha práctica tanto artística como pedagóxica. O laboratorio de formas rural xurdiu como unha forma de unir ambas a través da creación coa infancia e pondo en valor os saberes e os faceres do mundo rural fronte ás problemáticas ás que nos enfrontamos: perda de biodiversidade, desaparición de oficios, lendas e lingua. A nosa metodoloxía é a da pedagoxía creativa do lugar: dar dereito á infancia a crear a partir dos saberes e faceres propios do contexto. É unha forma de pór en valor o lugar e crear un sentido de pertenza.

—Mais tamén é unha proposta interxeracional, non si?
É que a vida é interxeracional. Vivimos nun mundo neoliberal que marca o currículo escolar. O neoliberalismo rompe os vínculos, polo que recuperalos é urxente porque son necesarios para a nosa supervivencia como especie. Hai unha frase de Pablo Freire que eu sempre digo: “Unha persoa faise cidadá do mundo desde o local até o universal”. A infancia ten que coñecer o propio para querelo e coidalo e que despois poida trasladar todos estes sentimentos cara ao resto da contorna. Non é á inversa, como ocorre agora: o currículo de Madrid é o mesmo que o dunha aldea da Galiza. Cando falamos dos saberes e dos faceres do mundo rural non o facemos desde unha perspectiva romántica. Están a ofrecernos miradas do mundo que son imprescindíbeis para resolver os problemas que temos agora mesmo a nivel social, económico ou ecolóxico.

—Que tipo de accións se van desenvolver?
O laboratorio implica o deseño e a construción dun mobiliario específico para a infancia porque entendemos que se defendemos unha metodoloxía activa tamén temos que crear un espazo e material no que a infancia se poida mover. Que as crianzas poidan traballar de pé ou sentar. Agora hai moitos estudos que din que as crianzas realmente teñen moi pouca concentración, creo que de 5 minutos até os sete anos. Tomamos como referencia o laboratorio de Isaac Díaz Pardo, que tamén traballaba con cuestións de espazo e de deseño, ou a Bauhaus. A idea é facer unha especie de Bauhaus portátil que vaia polas escolas.

—Como se leva á práctica?
Traballamos a partir das problemáticas do lugar e con diferentes estacións de traballo, como a construción con madeira, o barro, grafismo ou estratexias narrativas. Como artistas, a nosa máxima é aprender a través do facer e cando chegamos ao mundo da educación atopamos que todo iso que para nós era unha forma natural de aprendizaxe non se estaba tendo en conta. Estamos nunha escola que disciplinou e separou o corpo da mente e nós queremos reivindicar as mans como unha tecnoloxía de millóns de anos. O aprender a través do facer co corpo é a base da nosa práctica artística.

Non falamos tanto de educación artística como de cultura da infancia, porque a infancia ten unha mirada propia das cousas que é moi rica e como persoas adultas debemos darlle ferramentas e recursos para poder enriquecer esa mirada e aprender dela. Escola Imaxinada naceu desde esa preocupación de achegar procesos creativos á infancia nas escolas. Temos un blogue onde recollemos propostas e recursos moi sinxelos que pode utilizar calquera persoa que traballe coa infancia seguindo a filosofía que traballamos desde as nosas iniciativas.

Comentarios