A Mesa denuncia que o galego é “lingua de segunda fila” nas Festas de María Pita

Ausencia de programas de man en galego e difusión en español a través das redes sociais. O Concello da Coruña volve marxinar o galego na difusión das Festas de María Pita e a Mesa denuncian que o goberno de Negreira trata á lingua e a cultura galegas como “parente pobre”. 

Cartel das Festas
photo_camera Cartel das Festas

En ningún punto de información turística é posíbel atopar o programa das Festas de María Pita en Galego. Nas redes sociais e a través de páxinas web o Concello da Coruña difunde só a versión en castelán do programa. “Un ano máis apóstase por un modelo de festas que tratan como ‘parente pobre’ o feito na casa e valoran máis o de fóra polo simple feito de ser de fóra” denuncian desde a Mesa pola Normalización Lingüística. 

O grupo da Mesa da Coruña denuncia a teima da concelleira de festexos Ana Fernández e do grupo de goberno da cidade en “facer que non sexan unhas festas demasiado galegas” polo que tratan o galego como “lingua de segunda” tanto na programación como na difusión dos principais festexos da cidade, que se prolongan ao longo de todo o mes de agosto. 

Despois das denuncias do pasado ano que obrigaron ao goberno municipal a rectificar no seu intento de excluír o galego das conmemoracións, nesta ocasión o equipo dirixido por Carlos Negreira opta por unicamente por unha versión dixital en galego, mais, por riba, reducida. O programa completo só está dispoñíbel en castelán, segundo denuncia a Mesa quen detectou que a versión na nosa lingua só se lle facilita a quen así o solicita expresamente. “Pola contra, non se está a difundir a existencia desta versión en galego en pé de igualdade coa versión en castelán: se así se fixese, a xente sabería que pode acceder ao programa das Festas en galego sen necesidade de ter que o solicitar.” sinalan desde a Mesa.  

Proxectar prexuízos

A través do perfil corporativo de Turismo informábase aínda esta cuarta feira que a versión en galego do programa estaría dispoñíbel “en cuestión de días”, coas festas xa comezadas. 

“O goberno municipal de Carlos Negreira é incapaz de superar un modelo cultural e festivo concibido para proxectar en primeiro lugar o de fóra, non porque sexa mellor senón simplemente por ser de fóra”, critica A Mesa, no día no que Carlos Negreira inauguraba a Feira do Libro en español nun acto que a banda municipal pechaba co himno de España.  

Segundo a Mesa, os propios prexuízos do goberno municipal contribúen a elaborar un programa cunha cativa presenza da cultura galega, co argumento de compracer ás persoas de fóra que visitan a cidade. “A inmensa maioría da xente escóllenos precisamente pola nosa singularidade e por aquilo que de diferente lles podemos ofrecer. Deseñar as mesmas festas que poderían ter Málaga ou Salamanca, touradas incluídas, non parece que sexa o mellor reclamo turístico para quen vén buscando outros atractivos” defenden na MNL.

Comentarios