martes 27/10/20
PRESENTACIÓN DO CD 'A VOZ DO VENTO'

A Mesa celebra 30 anos cun concerto arredor de Manuel María

Esta sexta feira A Mesa pola Normalización Lingüística celebra 30 anos cun concerto en Compostela de Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, que interpretarán os temas do libro-cd 'A voz do vento' con temas de Manuel María.

avozdovento
Libro-CD 'A Voz do Vento'

A Sala Malatesta de Santiago (antiga Sala Nasa) será o escenario do concerto de presentación do libro-cd 'A voz do vento', editado pola Mesa pola Normalización Lingüística, con poemas de Manuel María, música de Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel e ilustracións de Jano. O concerto será oa sexta feira 1 de abril ás 21.30. Con este concerto a Mesa festexará tamén 30 anos de actividade e reivindicación da lingua galega.

O acto contará coa actuación musical de Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, xunto ás músicas e músicos que colaboraron no CD e que participan doutras coñecidas bandas do panorama musical galego actual: Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto,  MJ Pérez, O Leo, e Xosé Antón Bocixa. 

O libro componse de 11 temas extraídos dos libros: Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas. A Tribo Incomprensíbel está composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira  e Ricardo Casás. Segundo sinalou o autor das músicas, Fran Amil, o libro-cd “é unha escolma de All Stars do país” e “unha especie de catálogo de historia pre-pos-bravú”. 

A voz do vento, libro–cd editado pola Mesa pola Normalización Lingüística en homenaxe a quen “foi un escritor absolutamente comprometido con Galiza e co seu idioma, tamén a través da Mesa pola Normalización Lingüística” segundo sinalou o seu presidente Marcos Maceira, “ponse música a poemas que van do intimismo ao compromiso a través de diversos estilos contemporáneos que pretenden chegar a todos os públicos mais dun xeito especial ao público xuvenil”.

Na web d'A Mesa pódese escoitar un dos temas, “ollei misiles con radar”. O disco está á venda en librarías e na tenda on-line da Mesa.

comentarios