Carvalho Calero: o mérito do traballo, o valor da historia

A profesora e investigadora María Pilar García Negro debulla a figura de Ricardo Carvalho Calero neste texto que se publica no Nós Diario desta cuarta feira e do que ofrecemos aquí un extracto.
Carvalho Calero
photo_camera Carvalho Calero nunha intervención.

Xa vai para catro anos (1 de Xuño de 2011), unha servidora publicaba un artigo no extinto Xornal de Galicia (desaparecido por orde da superioridade), artigo que dei en titular "Un verso infeliz". Nel, facía referencia a un volume, algo desfarrumallado, do libro Vieiros, de Ricardo Carvalho Calero, publicado en 1931. Este exemplar  –que posuímos grazas á xenerosidade de Margarida Carballo Ramos–  é o que o autor dedicara a Rodrigo Sanz. Este político agrarista e rexionalista moderado, que fundara o Ateneo ferrolano onde un mozo Carvalho proferira unha conferencia, leu, polo que demostran as súas anotacións, moi atentamente este volume poético daquel escritor novel de 20 anos. Cualifica, en xeral, positivamente os seus poemas, mais hai un apontamento nun deles, o titulado "Noiturno compostelán", que chama particularmente a atención. É o que reza: "Buena. Otro verso final infeliz por corto".

Este verso defectuoso di así: "n-un rexurdir grorioso da Galiza". Todo o poema –evocación da praza da Quintana baixo o luar–, está escrito en versos de catorce sílabas e rima asoante nos pares, e finaliza con este, de once. Tal e como o lemos, este final non se debe á impericia do autor, mesmamente moi sabedor da preceptiva e da retórica poética, senón á vontade de marcar un presente aberto a expectativas melloradas, un futuro de rehabilitación para a nación, desexada na mención previa da praza da Quintana, onde tiñan lugar os mítins das arengas, por exemplo, como preludio e celebración do Día da Patria Galega. O verso "infeliz", na leitura de Rodrigo Sanz, na realidade cómpre conectalo a unha evocación poética onde onde van comparecer o arcebispo Xelmírez, o mestre Mateo ou a raíña Urraca, elementos dunha historia galega que había de volver por si, na ansia do rexurdimento desexado. Eis a primeira e a derradeira estrofes:

Os sinos esgazaron a tea do silenzo. / do outo do campadario, como pombas feridas / polos dardos do tempo, besteiro inmorredoiro, / caíndo en col da noite as badaladas ían.

Na noite recendente de arumes centearios / A voz fonda sômentes do silenzo s´ouvía. / A praza da Quintaa, baixo o luar, soñaba / n-un rexurdir grorioso da Galiza.

Un verso infeliz. Tal foi o decreto que se cerneu sobre Carvalho cando decidiu ser un verso libre e, na derradeira década da súa vida, reatar a súa biografía con aqueles anos da mocidade republicana e nacionalista, abruptamente interruptos pola guerra civil española e a barbarie nela desatada e alongada durante toda a duración do rexime ditatorial.

Sempre se reclamou dun único partido, o Partido Galeguista de antes da guerra, e sempre se manifestou leal ao seu ideario e á súa práctica. Nunca admitiu ser considerado un heterodoxo ou un disidente, xustamente por se considerar fiel a aquela ortodoxia. 

---

O texto íntegro podes lelo no Nós Diario en papel desta cuarta feira ou ben na nube. 

[Artigo patrocinado pola Deputación da Coruña]

DepCor_horiz

Comentarios