Contracultura

Mercedes Vázquez Saavedra: "Empecei a fotografar mulleres en Pitões das Junia, aprendín moito delas"

A traxectoria de Mercedes Vázquez Saavedra (Sarria, 1949), etnógrafa e fotógrafa das mulleres da raia e das máscaras e Entroidos, vén de ser recoñecida co Premio Mestra da Memoria, outorgado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

mercedes vźquez
photo_camera A etnógrafa Mercedes Vázquez Saavedra documenta as tradicións da Galiza e do norte de Portugal. (Foto: Leiticia E.)

—Sendo un recoñecemento ao traballo de toda unha vida, que lectura fai deste premio?
Estou moi contenta e emocionada porque é importante para min. Recolle o que levo feito porque sempre me dediquei ás tradicións, tanto pola parte fotográfica como etnográfica, e supón recoñecer toda esta historia e un traballo que leva o seu tempo, mais que sempre fixen con moito agarimo. É un labor que xira arredor de tres eixos: os traballos do campo, porque de pequena pasaba os veráns participando neles; as máscaras de Entroido, porque de nena me levaban vestida pedindo polas rúas; e as mulleres, porque empecei a fotografalas en Pitões das Junias (Montalegre, Portugal) e aprendín moito delas, fixéronme entender a vida de maneira máis sinxela. 

Fotografar mulleres das raias, como Melgaço ou Castro Loureiro, formou parte de min durante moito tempo. Viaxar en xeral foi unha parte importante, mais co obxectivo de coñecer xente e os seus costumes. Non viaxaba por facelo, sempre o facía buscando algo. Logo comecei a facer exposicións. Desde 2018, con pandemia polo medio, levo xa máis de 40 entre a Galiza e Portugal. Encántame cando podo levar todo isto a un museo, mais tamén busco levalas ao rural, é o que máis me interesa. 

—Cal foi a parte máis gratificante destes traballos?
Eu aprendín fotografía grazas a un tío que marchara para Venezuela e cando volveu, como tivera un estudo fotográfico en Sarria, sempre me dicía que había que compaxinar os traballos sociais con documentación gráfica. Foi algo que me deixou moi gravado, entón nas exposicións o que pretendo é dar a coñecer esa riqueza patrimonial e inmaterial que temos. Calquera persoa que faga estas fotografías xa está axudando tamén a que non se perda e a que vaia quedando ese pouso. Eu antes non o facía para que quedara, facíao simplemente porque estaba desfrutando do que estaba facendo, mais recibín a influencia de Padre Fontes, de Montalegre, un grande etnógrafo.

A xente que se dedicaba a recoller tradicións e que ía a congresos de menciñeiros ou a festas e contos na lareira tiña moito respecto cara a el e foi grazas a el que aprendín moitas destas cousas que logo me serviron para poder ir pola miña conta. Sempre aprendes con alguén. Pouco a pouco comecei a darlle importancia a cousas nas que antes non me fixaba, como os pastores e pastoras. 

Creo que somos unha cadea, non ten tanto que ver con quen mellor faga as cousas, senón que todos estamos axudando á visibilización. Iso é o que me foi movendo en todo o que fun facendo, que non son grandes cousas: todo foi pequeno. Tamén creo que é unha cuestión de emocións. Son unha persoa que se emociona por todo, que lle interesan moitas cousas. É un luxo poder facer o que te gusta. 

—Esas exposicións tamén teñen un pouco de devolver aos seus lugares o coñecemento que foi adquirindo, non?
Claro. Dous días antes de que me deran o premio, unha amiga que está nunha escola moi pequena dunha aldea de Montalegre chamoume para saber se podía levar unhas fotografías e falar coa rapazada dos traballos do campo. Decidín ir e volver no día desde Sarria, cunha chuvia tremenda, para estar con aquela xente porque me motivaba que puideran quedar con estas imaxes expostas. Tamén animei a rapazada a sacar fotografías cos seus móbiles das cousas que ían facendo os seus pais, porque todo o que sexa pór un gran de area xa é bastante. Creo que esta é a única maneira de recuperar o rural: levar as cousas a el, non obrigalo a vir a ti.

Esas mulleres de Pitões das Junias acolléronme na súa aldea durante bastante tempo e elas daban o que tiñan. Alí aprendín a compartir de verdade, que todo sexa de todas as persoas. É unha frase que repito continuamente porque estamos de paso. Grazas ás mulleres arraianas e do Courel comecei a ollar a vida doutro xeito. 

Comentarios